A galería cambadesa Borrón 4 acolle dende hai uns días, e ata o 4 de novembro, as obras do pintor Manuel Busto. A colección que presenta desta volta na sala expositiva leva por título Incerteza e nela xa se apreza un cambio importante no tratado da liña xa que este elemento xeométrico deixa de ter a súa función habitual, na que simplemente serve para delimitar un contorno, para pasar a ser un compoñente fundamental das súas creacións, isto é, a liña agora é a protagonista principal de cada unha das obras expostas.
As pinturas desta nova etapa pictórica de Manuel Busto abren novos espazos indeterminados que o autor deixa baleiros, como se de nubes se tratara, polo que a liña agora xa non delimita senón que suxire. De feito, no seu momento anterior estes elementos ocupaban todo o espazo pictórico, formando unha trama infinita de rectas ou incluso de barrocas marañas.
Biografía >Manuel Busto comezou a súa actividade cos pinceis cando iniciou os estudos de Belas Artes en Madrid. Unha vez comezada a carreira universitaria, en 1977, dous anos máis tarde tería a oportunidade de participar na súa primeira exposición, aínda que fose de xeito colectivo, na Mostra do Outono, que se organizou no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Pero na súa carreira non só se compón de mostras colectivas senón que tamén ten ocasión de ensinar o seu traballo a título persoal, como é este caso. Deste xeito, galerías de toda Galicia, Madrid ou Portugal tiveron a oportunidade de acoller as súas creacións.
Á marxe da actividade expositiva, Busto ten acadado diversos galardóns, entre os que destaca o Certame Isaac Díaz Pardo, que outorga a Deputación da Coruña.