Di@rio de Arousa
 
Edición electrónica  
Viernes 14 de Noviembre 2008 Vilagarcía


Organizan obradoiros para pais e fillos no Día dos Dereitos do Neno

REDACCIÓN > VILAGARCÍA

A Concellería de Xuventude ultima os preparativos para os obradoiros que desenvolverá o vindeiro 20 de novembro con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno. Os destinatarios serán os máis pequenos, pero tamén haberá unha actividade orientada aos pais, mestres e educadores.

Todas as iniciativas previstas terán lugar no Auditorio de Vilagarcía entre as cinco e as oito e media da tarde. Os rapaces encherán a entrada para participar nas diferentes actividades a través das que abordarán os dereitos dos nenos. Falarán da igualdade, de ter unha identidade, dos dereitos á sanidade, a crecer e desenvolverse, da integración, da familia e do dereito a formarse nun mundo solidario, entre outros. Para entrar nesta materia os monitores utilizarán xogos, contacontos e disfraces, ademais doutros elementos.

Ao finalizar a tarde, os rapaces poderán votar para elexir os dous dereitos sobre os que cren que se debería traballar máis.

A concelleira de Xuventude, Ana Lorenzo, presentou onte esta iniciativa e no transcurso do acto incidiu noutra das actividades previstas para esa xornada, a adicada a pais, mestres e educadores do municipio. Trátase tamén dun obradoiro no que pretenden aprender a xogar cos fillos. Ensinarán as mellores fórmulas para compartir os momentos de ocio en familia. A actividade precisa de inscripción, que poderá formalizarse ata o 18 de novembro na Concellería de Xuventude.

Os que asistan a esta actividade contarán cun certificado, que está especialmente orientado a mestres e educadores, polo que a Concellería fará chegar a tódolos centros educativos do municipio información sobre a celebración deste Día Internacional dos Dereitos do Neno.

A edil de Xuventude tamén anunciou que durante esa xornada no Auditorio poderase ver unha exposición cedida pola Fundación Meniños, que consiste nun cubo con catro partes diferenciadas. Nelas explicarase a labor da Fundación, presentarase a vida dun rapaz, noutra incidirán nos dereitos dos pequenos e, na última cara do cubo, colgaranse os murais e outras actividades que realicen os pequenos que acudan aos obradoiros.

Finalmente, a Concellería de Xuventude ten previsto entregar un agasallo ao final da xornada aos nenos e nenas que acudan ao Auditorio e que consistirá nun xogo de cartas de familias, un dos elementos que se empregarán nos obradoiros.





ir a inicio de página


© Di@rio de Arousa