Os veciños de Castrelo celebran a súa Festa do Viño Novo con opción de “menú de réxime”

Os veciños de Castrelo teñen cita ineludible para esta fin de semana. Mañá durante toda a xornada conmemoran a celebración da Festa do Viño Novo, un evento que vén emparellado coa fin da vendima e co disfrute dos mellores caldos da zona (sexan brancos ou tintos).
A cita será practicamente durante todo o día a partir das dúas da tarde. Será nese momento cando se servirá o menú establecido que consiste nun primeiro prato de \“Sopa de Cocido\” e nun segundo de \“Cocido galego\”. O menú tamén inclúe pan, viño tinto e auga, así como postre e café con chupitos e queimada.
Aqueles que aínda non reservaran o seu oco nesta festa aínda están a tempo de facelo, o mesmo día da festa e pagando dous euros máis sobre os 10 que abonaron aqueles que se rexistraron con antelación.
Coa intención de que incluso aqueles que non poden comer de todo non teñan excusa para gozar da festa ao máximo dende Castrelo habilitan un \“menú de réxime\”, pero terán que avisar á comisión con antelación para que todo estea previsto.
Como en toda celebración, e esta ben o merece, non pode faltar a música. Así pois o xantar estará amenizado pola música do grupo Mar D´Arousa.
Os que teñan medo ao frío tampouco van ter excusa, dado que a festividade se realizará nun recinto pechado. A festa é para todos os públicos e, de feito, a organización tamén pon a disposición dos máis pequenos inchables e xogos infantís.
Aqueles que desexen poñerse en contacto cos membros da Comisión de Festas poden facelo a través do teléfono 694 410 888 ou ben remitirlles un correo electrónico á dirección asociacionsantacruzdecastrelo@hotmail.com. l

Os veciños de Castrelo celebran a súa Festa do Viño Novo con opción de “menú de réxime”

Te puede interesar