O San Xoán máis atípico celébrase con 178 cachadas en Vilagarcía e 225 en Ribeira, todas en parcelas privadas

O San Xoán máis atípico celébrase con 178 cachadas en Vilagarcía e 225 en Ribeira, todas en parcelas privadas
O San Xoán celébrase este ano en terrenos privados | g. salgado

As tres comarcas infuenciadas pola Ría de Arousa celebrarán esta tarde-noite o seu San Xoán máis atípico. A benvida oficial ao verán será sen fogueiras multitudinarias na praia, sen verbenas e coas medidas impostas pola crise sanitaria do coronavirus. Iso si, visto o número de solicitudes de autorización que se presentaron nas administracións locais por parte de veciños que queren facer cachadas nas súas fincas particulares está claro que os arousáns non van quedar na casa na noite máis máxica do ano.

Os datos falan por si mesmos. En Vilagarcía foron 178 as solicitudes tramitadas pola administración local para a celebración de fogueira en fincas particulares. As medidas de seguridade obrigadas que normalmente acompañan a este tipo de autorizacións véñense incrementadas este ano pola Covid-19. Así pois, medidas de distanciamento social, o menor número de contactos posibles e uso de mascarilla cando é imposible non manter esas citadas distancias.

En Vilagarcía as fogueiras só poderán encenderse entre as oito da tarde e a unha da mañá. Deben ter un perímetro de seguridade de seis metros de radio por cada metro de altura de combustible.

A maiores destas solicitudes particulares foron dez os locais hostaleiros que solicitaron permiso para facer sardiñadas na rúa ao pé dos seus establecementos, tamén coas obrigadas medidas.

Na marxe norte da Ría de Arousa o Concello de Ribeira tramitou un total de 225 autorizacións para celebración de cachadas, todas elas tamén en terreno privado ante a prohibición de expresa de realizar este tipo de eventos en solo público. Dende a administración local ribeirense sinalan que estas fogueiras deben ser realizadas entre as seis da tarde de hoxe e as seis da mañá  do mércores. Tampouco nas praias de Ribeira haberá fogueiras autorizadas este ano por mor da crise sanitaria.

Cancelación en A Pobra
É precisamente o coronavirus e un rebrote detectado nas zonas de Ribeira e A Pobra os que motivaron que o Concello pobrense decidise cancelar as autorizacións de fogueiras que estaban concedidas para a tarde-noite de hoxe na praia dos Areos. O Concello considera que sería un evento sen riscos dado o protocolo que tiñan preparado, pero entenden que a raíz do rebrote detectado esta pasada fin de semana non é posible estar de todo seguro de que houbo algún contacto cos contaxiados que se escapou e que pode provocar máis infectados. Daí que decidisen cancelar as autorizacións que xa tiñan dadas para fogueiras neste areal.

O San Xoán máis atípico celébrase con 178 cachadas en Vilagarcía e 225 en Ribeira, todas en parcelas privadas

Te puede interesar