Un cambio radical no desenvolvemento urbanístico do Polígono 2 de A Pobra xera un gran rexeitamento

Un cambio radical no desenvolvemento urbanístico do Polígono 2 de A Pobra xera un gran rexeitamento
Gráficos co desenvolvemento do Polígono 2 recollido no PXOM de A Pobra, á esquerda, e o que propón unha sociedade, á dereita

O alcalde pobrense, Xosé Lois Piñeiro, firmou o pasado 20 de febreiro unha resolución pola que se aprobou inicialmente o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da área de reparto do Polígono 2 recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente desde xullo do ano 2008. Así o fixo a proposta dunha sociedade mercantil, que é propietaria da meirande parte dos terreos afectados, e que contempla un cambio radical do desenvolvemento urbanístico para esa zona entre a urbanización Atalaia e as rúas do centro da vila. Ese acordo foi notificado aos donos do resto das parcelas dese Polígono 2 para que acudisen ás dependencias da casa consistorial pobrense para examinar ese expediente e que puideran alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes, para o cal dispoñían de dous meses.


Independentemente do que puideron facer cada un dos donos deses terreos, que aseguran sentirse seriamente prexudicados, houbo outros veciños do entorno que se sinten dannificados e que, aínda que se enteraron bastante tarde desa modificación nese desenvolvemento de chan urbano non consolidado, tamén analizaron o documento e presentaron alegacións en contra do que tildan de “brutal modificación na distribución do Polígono 2”, e que contan co respaldo de 103 firmas. Unha das primeiras reclamacións que fan é en relación a que no expediente exposto non figura ningún estudo medioambiental estratéxico, “como sería preceptivo”, sinalan. E engaden que nesa zona existe unha importante masa arbórea con especies autóctonas típicas do bosque galego, tales como carballos, castiñeiros ou nogueiras, así como árbores ornamentais e diversas construcións de interese histórico-artístico.


Unha das súas principais alegacións fala de que se elimina o espazo central destinado a zona verde e equipamento para situar no mesmo un edificio con baixo e tres plantas, “co cal o asoleo previsto para todas as vivendas da futura urbanización e os bloques existentes lindando con Atalaia quedaría totalmente mermado, dando os edificios a un bloque de baixo e tres plantas e vez de a un espazo libre e diáfano”. Indican que as novas vías propostas só benefician aos propietarios do solar que pretenden ubicar no centro da parcela “que por outra parte non está totalmente definido”, ao figurar uns bloques con baixo más tres plantas e baixo máis dúas plantas. E engaden esa indefinición provoca que non se poda determinar con exactitude se o novo estudo presentado se adapta ao determinado pola Lei do Solo de Galicia no referente a cuestións tan importantes como edificabilidade, “xa que o informe do técnico municipal circunscríbese a copiar a memoria do PERI”.


Tamén recriminan que se cambie arbitrariamente o ancho da rúa prevista polo linde oeste “co único afán de prever as prazas necesarias a que obrigue a Lei do Solo de Galicia”. Sinalan que polos lindes norte e este proxéctanse uns novos viais que non teñen saída, así como que ao situar a zona verde cara o este do polígono queda sen rematar e sen solucionar o peche das medianas da Rúa Rafael Calleja. E indican que se se pretende situar o novo centro de saúde, tal e como aludiu o alcalde, na parcela prevista como equipamento ou chan de uso dotacional, “eso provocaría unha conxestión no tráfico rodado aínda maior á existente no entorno da urbanización que se pretende realizar, e nas existentes no Lagar e Atalaia, con complicados accesos para ambulancias e outros servizos, xa que o ambulatorio quedaría totalmente encaixado”, subliñaron.

Un cambio radical no desenvolvemento urbanístico do Polígono 2 de A Pobra xera un gran rexeitamento

Te puede interesar