“O galego campa!” une sensibilización en igualdade coa promoción do idioma

“O galego campa!” une sensibilización en igualdade coa promoción do idioma
Diario de Arousa-2019-07-23-017-1aba3795

O campamento sonense Virxe de Loreto foi o lugar elixido para presentar a oitava edición do programa “O galego campa!”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, destinado a favorecer o uso do galego nos campamentos de verán, así como a facilitar ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen aos rapaces a se expresar nesta lingua. 

Ademáis, nesta ocasión, ao traballo en lingua e mocidade engádese o dos valores transversais da igualdade entre homes e mulleres, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero. Así o explicou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacando que estes valores “son imprescindibles para os mozos e mozas que teñen nas súas mans o futuro da sociedade galega e a transmisión e pervivencia do noso idioma propio”. García estivo acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. 

Precisamente, foi a secretaria xeral a que destacou a importancia de iniciativas como esta, que permiten traballar a educación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas, onde aínda se detecta a existencia de estereotipos de xénero cos que é preciso rachar.

Máis de 400 mozos
A directora xeral, pola súa banda, subliñou a importancia de achegarlle á mocidade ferramentas e formacións que lles son útiles na súa vida diaria. Así mesmo, apuntou que durante os meses de xullo e agosto, este campamento de Virxe de Loreto acollerá 420 rapazas de rapaces que desfrutarán de diversas actividades de convivencia e deportes acuáticos, como surf ou kaiak.

“O galego campa!” desenvólvese grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Política Social e os obxectivos que persegue, baixo o lema ‘Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor’, son os de introducir reflexión con perspectiva de xénero nos campamentos, axudar a identificar a violencia de xénero e promover a toma de posicións que axuden a minorar comportamentos que poidan derivar en abusos e faltas de respecto. Para logralos, realizarase unha sucesión de pequenas actividades adaptadas ás idades e perfís dos participantes de cada campamento ata achegar os rapaces á exposición da Secretaría Xeral da Igualdade ‘Á violencia de xénero... dille NON!’. Estas actividades incluirán a argumentación, o debate, o teatro e o xogo, porque unha participación lúdica pode lograr mellor ca outros tipos de intervención a implicación dos destinatarios para que a intervención educativa funcione, sinalan dende a Consellería.

A prol do galego
A nivel lingüístico, a finalidade é promover a galeguización lingüística das actividades educativas de tempo libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara á lingua galega por parte de mozos e educadores: Actividades de dinamización que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos campamentos, propostas educativas que favorezan a reflexión e a anovación metodolóxica de programas entre os equipos de profesionais que traballan na campaña de verán e intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.

Todo isto faino dacordo coas liñas de traballo que se establecen no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade 2019-2022 e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, da man da Secretaría Xeral da Igualdade e no marco da campaña Nós contra a violencia. “O galego campa!” incluirá novos materiais para o Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso para educadores e para calquera outra persoa interesada. Serán propostas encamiñadas a fomentar o diálogo na lingua propia de Galicia arredor da igualdade entre mulleres e homes, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero.

Os seus obxectivos xerais están en consonancia cos recollidos no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade que se presentou no Parlamento de Galicia recentemente, un plan elaborado pola Xunta.

“O galego campa!” une sensibilización en igualdade coa promoción do idioma

Te puede interesar