“A lei educativa non axuda, dando todo o teórico non podemos facer nada”

“A lei educativa non axuda, dando todo o teórico non podemos facer nada”
O alumnado de Boiro despediu o curso cun concerto de música, entre outras actividades | cedidas

Moito traballo de maquetación, audiovisual, proxectos de cooperación e solidariedade ou exposicións. O profesorado do IESP A Cachada de Boiro leva anos impartindo calses por proxectos coordinados entre as diferentes asignaturas. “Este curso fixemos un vídeo sobre ocmo construír un xoguete” onde participaron as profesoras de Lingua Galega e Tecnoloxía. A responsable desta última, Ana Moreiras, explica que “a profesora de galego deulle aos nenos nocións de textos expositivos, traballaron a capacidade de expresión oral e con nós aprenderon os tipos de materiais e as propiedades técnicas”, de forma que cumpriron o plan de estudos.
“Aforramos chapatoria inútil”, afirma convencida Moreiras, “podemos dar unha parte de materiais como a madeira só con contidos teóricos ou podemos facer escenografía do teatro” para que o alumnado aprenda a distinguir unhas propiedades doutras, “estamos dando o currículo, pero non todo o teórico, se o deramos todo non poderiamos facer nada”, sentencia. A profesora explica que o método de ensinanza premiado “non é compatible co currículo pechado” que impón a lei.
Traballo en equipo
“A filosofía de educación estanca de clasificación por idades non me gusta nada”, por iso os obradoiros extraescolares en torno aos que se desenvolven moitas das actividades educativas do centro están formados por alumnos de diferentes cursos, “nin idade nin xénero importan”.
Ana Moreiras é tamén a responsable de coordinar estas actividades extraescolares e conta que a máis antiga é O Club do Antifaz, un obradoiro de audiovisual con moito éxito entre o alumnado. Teñen que programalos en días diferentes porque dos pouco máis de 400 estudantes cos que conta o centro, “hai 50 que queren estar en todos”, como nos de robótica e programación, que este curso foron os martes.
Outro dos talleres con éxito é o de fotografía creativa, que se centrou nos estaleiros Triñanes, “implicou que o sector se achegase á escola”, indica Moreiras. Neste tempo, as rapazas impulsaron tamén un obradoiro de videoxogos no marco dunha campaña para promover a visibilización das mulleres nas novas tecnoloxías.
 

Os beneficios do método
Tal e como relata Ana Moreiras, profesora do IESP A Cachada, un dos beneficios do método de estudo do centro é o “integrador” que resulta para o alumnado concebir as asignaturas, xa que “non é o mesmo afrontar nove materias que non teñen nada que ver que simplificar como nós o facemos”, coordinándose entre os profesores. Os estudantes aprenden tamén a traballar en equipo, “o que implica adquirir valores cívicos, democráticos e sociais que non se teñen cando traballas só”, ao mesmo tempo que “medra a creatividade, non a machacamos como nos obriga o sistema”.
O alumnado “aprende a aprender”. Asegura Moreiras que “saen máis preparados porque teñen ferramentas e iso é máis importante que memorizar contidos".

“A lei educativa non axuda, dando todo o teórico non podemos facer nada”

Te puede interesar