Os nostálxicos da Dorna

Os nostálxicos da Dorna
Amigas xuntáronse para celebrar o festivo local aínda que non houbese festa | CHECHU RÍO

Un 24 de xullo en Ribeira non é o mesmo sen o balbordo nas rúas coas alboradas e pasarrúas da mañá, o desfile e a regata de embarcacións feitas a machada e propulsadas a pan de millo do mediodía, a romaría e xogos no merendeiro e na praia de Coroso, o desfile do Top Secret entre o lusco e fusco e a arriada da pañoleta para empezar a contar os días que faltan para volver a disfrutar da Festa da Dorna. A causa dos condicionantes e imponderables derivados da pandemia sanitaria da Covid-19 non houbo esas celebracións, e moita xente aproveitou a coincidencia de tres festivos xuntos para saír da cidade. Pero, houbo algúns nostálxicos que non quixeron deixar pasar o día sen amosar o seu espíritu dorneiro e vestir as camisetas das súas peñas dorneiras e xuntarse a tomar o aperitivo ou a comer, como o fixo un grupo de amigos no restaurante El Gourmet Alján, e outros elixiron algunhas das alternativas que hai no resto da cidade. Tamén o fixeron directivos da Real e Ilustre Cofradía da Dorna baixo unha carpa instalada a carón da vella lonxa para dar boa conta de empanadas variadas e outras viandas.

Aínda que foron moitos os que adquiriron os suadoiros desta singradura, a 72ª, as altas temperaturas impediron que os puideran lucir, pero onte dicían que xa haberá días nos vindeiros meses ata a Festa da Dorna do 2021 para usalo. Da animación das rúas e tamén dos locais hostaleiros da cidade se encargou o grupo de gaitas Borja y Cia, que interpretou máis dunha ducia de veces o himno dorneiro. Aproveitando que a marea dorneira non tomou literalmente como é costume o merendeiro de Coroso, foron algunhas familias, como unha de Bilbao con raíces en Rianxo ou uns turistas procedentes de Suecia, que fixeron uso dos conxuntos de mesas e bancos de madeira alí instalados. 

Unha das anécdotas da xornada estivo en que unha dorna a vela con oito tripulantes a bordo volcou cando se atopaba fronte á praia de Área Secada, na zona ribeirense do Touro, ante a mirada atónita de numerosos bañistas. Tratouse dun barco pertencente á Real e Ilustre Cofradía da Dorna que realizaba unha travesía costeira en augas de Ribeira xunto a outras dúas embarcacións similares da mesma entidade. Segundo relatou un dos tripulantes, no momento en que facían unha manobra habitual para virar a dorna coa finalidade de regresar cara Coroso, produciuse un golpe de vento e a embarcación comezou a escorarse sen que lles dese tempo a corrixir o rumbo, e a auga empezou a anegar o interior do barco e acabou volteando.

Afortunadamente, todo se quedou nun susto e ningún dos ocupantes da embarcación resultou ferido de importancia e todos puideron chegar sanos e salvos a terra. A dorna puido ser levada cara a orilla, onde se comprobou que non sufriu dano algún. Ao lugar se movilizaron a Policía Local e a lancha de salvamento “Mar Laredo” da Cruz Vermella de Ribeira, pero as súas intervencións non foron necesarias. Estaba previsto que unha vez que baixase a marea se procedera a achicar a dorna, para logo endereitala e levala cara as instalaciones náuticas da capital barbanzana, previsiblemente na ornada de hoxe.

Como anecdótica tamén se podería considerar a pancarta de “Dorneiros Studio” que apareceu no centro da Praza do Concello, no lugar onde estaba plantada a palmeira que foi talada hai uns días ao estar afectada polo picudo vermello e hongos. Incluía unha fotografía do mesmo lugar cun busto en granito do alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, e un texto no que se recollía un anuncio da súa “próxima construcsión”, en recoñecemento ao seu “buen haser y poner Ribeira tan bonita como está, que da justo vela, ya lo disen los turistas de aquí y de acolá”. L

Os nostálxicos da Dorna

Te puede interesar