Preparan unha demanda civil contra Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo en marzo

Preparan unha demanda civil contra Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo en marzo
Diario de Arousa-2019-07-25-016-259da9c9

O pasado mes de marzo un incendio calcinou 1.162 hectáreas de monte en Dodro e Rianxo. Onte, neste último concello, a recentemente constituída Plataforma pola Defensa do Monte anunciou que presentará, previsiblemente en novembro, unha demanda civil contra Naturgy e Elecnor, aos que consideran responsables deste lume.

Esta agrupación, que integra  ás comunidades de Araño, Asados, Burés, Fieitoso, Leiro, Paradela e Ourille, ademáis da Asociación Fousas ao Monte, ofreceu onte unha rolda de prensa na que explicou que, rematada a fase penal sobre o incendio, o xulgado número 1 de Padrón estableceu que non hai delitos penais e declarou o sobreseimento provisional e o arquivo da causa. A Plataforma considera que non habería delito de incendio intencionado pero “como demostramos e se deriva dos informes, si que hai unha responsabilidade civil” e, sobre ela, van plantexar unha demanda reivindicando unha compensación dos danos provocados. Os membros da Plataforma tiveron acceso aos numerosos atestados existentes, tanto do Seprona de Noia como do de A Coruña ou o da Policía Autonómica, nos que constan documentación, testemuñas, vídeos, fotografías e evidencias técnicas que “acreditan que o incendio se inicia na torreta número 66, identificada como 15HAR9, propiedade de Naturgy no monte Cruz do Avelán, en Dodro”. Esta liña eléctrica, sinalan, ten tres cables de aceiro e na torreta existen tres mecanismos de coitelas de corte unipolar ou conos de sección de 24 kilowatios. Consideran dende a Plataforma que o incendio foi provocado por esta coitela. 

Atestado
Sempre segundo o colectivo, do atestado desprenderíase que ás 20:06 do día 25 unha persoa que circulaba pola AC305 chamou ás emerxencias, sinalando que debaixo da torreta vía arder unha zona de 100 metros cadrados. Ao mesmo tempo, testemuñas, axentes forestais, GES de Padrón e gardas civís ven fortes chispazos que caen ó monte raso e fan zumbidos. Asimesmo, recólleríase que Elecnor SA, contratada por Naturgy para a distribución e o mantemento, intenta realizar a apertura de coitelas e cortar o fluido de electricidade o día 26. Neste proceso despréndese unha peza metálica, o que obrigaría a deixar os traballos. “Esta peza está defectuosa”, considera a Plataforma. 

Segundo narran, o supervisor de Naturgy manifesta que existe un punto quente, evidencia de avería na liña, que continúa máis de 16 horas despois do inicio do incendio. O día 27 recóllese a peza avariada e ponse a disposición do Xulgado. Segundo a Plataforma, dito obxecto presentaría alteracións nos elementos metálicos polas altísimas temperaturas e, ademáis, quedaría constancia de que gran parte dos residuos vexetais orixinados polas labores de desbroces de maleza debaixo da torreta siguen aí, sendo combustible cando se orixina o incendio. Opina a Plataforma que “claramente o lume non avariou a torreta, que só tiña avariada a peza central. O poste non se amosa afectado polo lume”.

Por todo isto consideran acreditado que tanto Naturgy como Elecnor poderían ter responsabilidade civil tanto pola anomalía da liña como polo material vexetal. “Non hai intención nos feitos pero si danos cuantiosos que deben compensarse”, defenden, polo que xa está en marcha unha peritaxe que os avalíe.

Por contra, Naturgy defendeu xa hai uns meses que a torreta non foi a causa do lume, remitíndose ao informe dun perito. 

Doutra banda, o 17 de agosto convócase no monte de Leiro, ás 9 da mañá, unha xornada de traballos comunitarios para labores de limitación da expansión do eucalipto que, tras a devastación doutras especies, está medrando máis rápido que estas.

Preparan unha demanda civil contra Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo en marzo

Te puede interesar