Reportaxe | As Letras Galegas con moito ritmo nos colexios

Reportaxe | As Letras Galegas con moito ritmo nos colexios
Diario de Arousa-2018-05-17-017-6adab27a

O colexio ribeirense Bayón celebrou onte, de maneira anticipada, a festividade do Día das Letras Galegas. Un cento de alumnos de Secundaria iniciaron a primeira hora da mañá, a ritmo de pandeiretas e do pregón de Manolo Rodríguez, a súa participación nunha nova edición do Andatón, cun percorrido en dúas etapas -hoxe será a segunda- de 42 quilómetros polas diferentes parroquias do concello. Fixeron un alto no camiño a altura de Goda, na parroquial de Artes, para plantar arredor de 90 carballos e castiñeiros dos 350 que sementaron a mediados de novembro, dos que o 60% non prosperaron. Fixéronno nunha parcela do parque natural na da que previamente retiraron eucaliptos que estaban a medrar nela. Logo proseguiron a súa andaina ata que foron chegando ata a igrexa de Oleiros, onde os recolleron en coches para levalos de volta ao colexio, onde pasaron a noite e repuxeron forzas para a nova etapa que lles espera hoxe.
Mentres tanto, os seus compañeiros de Infantil e Primaria cumpriron coa tradición de celebrar unha romaría no parque periurbano de San Roque. Nada máis chegar a ese recinto comezaron cun festival no anfiteatro, ao que estiveron convidados os pais. Os nenos de 4º e 5º de Infantil deron o pistoletazo de saída coa interpretación e baile de “Cocorico”, ao que seguiron os escolares doutros cursos cantando, e incluso tocando instrumentos, “Airiños, airiños, aires”, “Quíxente tanto, meniña”, Cantarte hei, Galicia”, ““A saia da Carolina”, “A laranxa e o limón”, “Muiñeira de Calvos de Randín”, “Pra a Habana”, “Xota de Toutón” e “A xustiza pola man”, e bailaron ““Muiñeira dos rapaciños”, “Muiñeira nova”, “Baile da Crocha” e “Danza de Pontebarbanza”. Para rematar, antes do xantar e de ter a tarde para xogos, todos o presentes cantaron “Arroz con chícharos”. Pola súa banda, no colexio Frións celebraron unha romaría con actuacións de gaiteros, cabezudos, bailes; postos de froita, pasteles, empanadas, batidos, obradoiros de chapas, elaboración do maio, braile, máquinas de escribir, maquillaxe, bingo e outros.

Reportaxe | As Letras Galegas con moito ritmo nos colexios

Te puede interesar