O Arosa SC recibirá a medalla de ouro de Vilagarcía o sábado 30 de abril

O Arosa SC recibirá a medalla de ouro de Vilagarcía o sábado 30 de abril
O Arosa deu o pregón nas últimas festas de San Roque logo de ascender a Segunda RFEF / Gonzalo Salgado

O sábado 30 de marzo é a data elixida polo Concello de Vilagarcía para entregar ao Arosa S.C. a máxima distinción de honra que concede o municipio: A medalla de Ouro da Cidade. O recoñecemento ao club de fútbol realizarase no transcurso do Pleno Extraordinario convocado para as 11 da mañá en Ravella e co que conclúe o procedement o proposto pola Alcaldía e aprobado por unanimidade da Corporación Municipal en Pleno o pasado mes de novembro.


A distinción concédese en base ao Regulamento de Protocolo e Cerimonial do Concello de Vilagarcía que recolle a posibilidade de outorgar a distinción "para premiar ou recoñecer méritos extraordinarios que concorran en persoas ou entidades internacionais, nacionais, autonómicas ou locais, por prestar servizos ou dispensar honores ou beneficios culturais ou sociais á cidade".


Coa concesión da Medalla de Ouro da Cidade o Concello de Vilagarcía quere recoñecer tanto os 75 anos de historia cos que conta o Arosa Sociedade Cultural, como a súa traxectoria deportiva, a dimensión social levada a cabo ao longo de todo este tempo e tamén a importante labor de ter levado con orgullo o nome de Vilagarcía polos centos de pobos e cidades de Galicia e España que o club percorreu na súa participación en competicións oficiais.


De feito, no expediente de honra instruído polo concelleiro de Deportes para articular e argumentar a concesión da Medalla de Ouro, rememórase a evolución do club dende a súa fundación, no ano 1945, ata a actualidade, quedando reflectida a contribución do Arosa SC no fomento da actividade deportiva e na promoción e difusión da imaxe da cidade.


O Arosa S.C. é o club que máis tempo militou na Terceira División en Galicia, ten xogado na Segunda División Nacional e xogou durante sete temporadas en Segunda B. Das súas relacións co club Leixoes, de Portugal, xorde o gromo do irmandamento de Vilagarcía e a vila lusa de Matosinhos.


Neste recoñecemento tamén se lembrará a todas as persoas que compuxeron as sucesivas directivas e ao traballo desinteresado realizado para manter activo o club e darlle a dimensión que ten na cidade, así como a todos os xogadores que pasaron polas filas arlequinadas.

O Arosa SC recibirá a medalla de ouro de Vilagarcía o sábado 30 de abril

Te puede interesar