Arousa Norte acollerá o Nacional infantil masculino

Arousa Norte acollerá o Nacional infantil masculino
Acto de presentación do Campionato de España que tivo lugar onte | cedida

A Mancomunidade Arousa Norte acollerá do 16 ao 20 de maio o Campionato de España Infantil Masculino de Voleibol. Así o anunciou onte o presidente da Mancomunidade e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, despois de asinar o convenio de colaboración entre esta entidade e a Federación Galega de Voleibol, representada polo seu presidente, José Ángel Luna Bargo, e presidente do Club de Voleibol Cabo de Cruz de Boiro, Andrés Martínez, e o xogador Juan Romeral. Na presentación tamén estiveron presentes o vicepresidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo. Daranse cita ata 24 equipos que pernoctarán en Arousa Norte durante os días da competición. Ademais, a organización estima que unhas 1.000 persoas visitarán a zona eses días por mor do campionato e o día da final, este cifra duplicarase ata as 2.000 persoas de público. “Trátase dunha cita –engadiu Xose Lois Piñeiro- moi importante a nivel deportivo para toda a provincia e incluso para toda Galicia e esperamos que sexa un elemento impulsor desde o punto de vista turístico”.

Segundo explicou o presidente da Federación Galega de Voleibol, o campionato desenvolverase nas instalacións deportivas dos catro concellos, sendo a semifinal e a final, o sábado 19 e o domingo, 20 de maio, no pavillón da Cachada, en Boiro. Os equipos e o persoal técnico, árbitros, xuíces, etc. aloxaranse eses días en distintos establecementos hostaleiros de Arousa Norte.
Por outra banda, a Primeira División Senior Autonómica chega este fin de semana ao seu desenlace. Os mellores conxuntos galegos da tempada pelexarán o sábado na Fase Final masculina en Rianxo. Ás 12 horas chegará o momento do anfitrión, o Mexillón de Ouro Voleibol Rianxo, que buscará tirar do factor cancha para superar ao Calasancias Coruña. A primeira semifinal enfrentará a Casa y Baño Oleiros e Asesores Vilacastro a partir das 10 horas. A final será ás 19 horas.

Arousa Norte acollerá o Nacional infantil masculino

Te puede interesar