Arousa ríndese á rítmica

Arousa ríndese á rítmica
A escola Gran Jeté comezou as súas clases en 2015 con 15 nenas e dende entón a súa evolución foi constante

En 2015 arrincou unha iniciativa que, de man de dúas ximnastas e adestradoras isleñas, Estefanía Dios e Lorena Romero, pretendía dar a coñecer o deporte da ximnasia rítmica en Cambados. Dous anos despois, a escola Grand Jeté suma xa un total de 70 nenas de entre 5 e 15 anos, non só na vila do albariño senón en toda a comarca. E promete seguir medrando.

Todo deu comezo con adestramentos no colexio cambadés de Magariños, os sábados. Hoxe en día, tamén imparten clases durante a semana no Asorey e en Peña, así como no colexio de Corvillón, no de San Miguel (Vilanova), en Catoira e na Asociación Gato Negro de Carril.

Este ano, ademáis, empezaron a competir sete das mozas (unha de Vilanova, dous de A Illa e as restantes de Cambados). Catro forman parte dun conxunto cadete, mentres que o resto compite de maneira individual.

Segundo explica Estefanía Dios, os resultados están sendo máis que satisfactorios: “Unha das nenas, Lara, fixo pódium en todas as competicións ás que foi, sendo segunda ou primeira. Outra delas, Fátima, tamén logrou sempre quedar terceira ou segunda”. No que respecta ó conxunto, “están mellorando a súa nota en cada competición á que van”, sinala Dios.


O obxetivo máis inmediato é conseguir aumentar o grupo de competición, no que de momento hai 20 ximnastas e, tal e como explica a adestradora, están moi ilusionadas: “As nais dinnos que están todo o día facendo ximnasia, que non paran quietas”, o que demostra a grande afición que un deporte de tanto sacrificio desenvolve en quen o practica.


Coa idea de mostrar ós pais os progresos obtidos, os próximos días 10 e 18 as ximnastas realizarán sendos festivais de fin de curso. En palabras de Estefanía Dios, estas melloras son “bastante grandes, sobre todo nalgúns casos, nos que se nota moito o traballo que fan”.
Así, mentres que nas máis pequenas (5 e 6 anos) percíbese maior axilidade e coordinación nos seus movementos, nas máis maiores obsérvase unha mellora nas condicións físicas, tales como a elasticidade e a forza.

Deporte e diversión
Dado que o grupo de competición acaba practicamente de debutar, Dios explica que o nivel de esixencia non é excesivo, “tamén porque elas o teñen como unha actividade extraescolar”. O obxetivo, sinala a adestradora “é que se movan, que se divirtan, que fagan deporte, que coñezan a ximnasia rítmica e todos os aparatos, para que collan soltura con todos eles”. En canto ó equipo de competición,
“unicamente lles pedimos que o fixeran ben, que saíran contentas ó tapiz e estiveran orgullosas do traballo que realizaron”.

O Salnés, canteira galega
Se ben España é unha das potencias mundiais no que a ximnasia rítmica se refire, Estefanía Dios subraia que O Salnés ten canteira e que Galicia en xeral está tamén mellorando moito o seu nivel: “Os clubes galegos están presentando exercicios moi completos e as nenas acuden con condicións inmellorables. Nótase moita mellora con respecto a anos anteriores”.


É por este último motivo polo que a ximnasta e adestradora considera que a ximnasia rítmica galega e, por tanto, a arousá tamén, están medrando pouco a pouco e, sobre todo, a bó ritmo.

Arousa ríndese á rítmica

Te puede interesar