Carlos Padín : “Catoira é un sitio de fútbol, aquí seguirán saíndo xogadores”

Carlos Padín : “Catoira é un sitio de fútbol, aquí seguirán saíndo xogadores”
Carlos Padín xunto a Donato, que acude mañá cos veteráns do Dépor á homenaxe en Catoira |

Grazas ao fútbol Catoira ten un famoso “gato”, Sergio Álvarez, e tamén a un “mago”, Carlos Padín, que cumprirá en outubro 45 anos coas botas postas. Segue en activo, regresou esta temporada ao Catoira, en Terceira Autonómica, onde empezou todo hai tres décadas. Mañá nas Lombas vivirá un día especial, unha homenaxe na que participarán os veteráns do Dépor, dos que forma parte, do Pontevedra e moitos ex compañeiros da súa longa carreira deportiva en Galicia en outros equipos coma o Arosa, Racing de Ferrol, CD Ourense, Boiro, Órdenes e os seus dos últimos clubs, Cordeiro e Flavia.

Os partidos en formato triangular comezarán ás 17 horas, será unha tarde de reencontros e de moito fútbol, ninguén quere perderse esta “homenaxe aos 25 anos de carreira deportiva” do mago de Catoira: Padín.

Unha homenaxe na casa, aínda que é un tipo frío, emocionarase mañá?

Non o sei, iso xa se verá. A verdade é que estou contento, non me esperaba nada e entereime aínda o sábado, creo que levan tempo preparando todo a directiva do clube e máis xente.

Por qué decidiu volver a xogar no Catoira?

É algo que sempre dixen, que nos meus últimos anos encantaríame acabar no Catoira. Este ano está Juan e meu irmán no corpo técnico, hai amigos no campo e creo que xa era hora de volver a casa. Somos case todos de Catoira, hai xente que deixou e volveu este ano, estamos xuntando un equipo de amigos e aí andamos, a ver que pasa.

Con 44 anos, imaxino que xa non está un para correr moito e xoga nunha baldosa….

Nunca estiven en Terceira Autonómica, supoño que o nivel será bastante xusto e eu fisicamente atópome ben, a miña idea é aportar cousas ao equipo para poder ascender.

Ten un pique con Juanito para ver quen segue en activo con máis anos?

(Risas) Non, simplemente encóntrome ben, hai moitos amigos no Catoira e estou motivado. Mentres me sinta ben vou seguir xogando.

Cambiou tanto o fútbol nestes trinta anos?

Si, moitisimo, sobre todo o tema do físico, hai xente experta e con máis preparación, os adestramentos agora son moito máis levadeiros con balón, iso para os nenos está moi ben.

Se puidera darlle algún consello a aquel Carlos Padín que empezaba a súa carreira hai 25 anos, que lle diría?

Pois que cando tes a oportunidade de estar en equipos de categoría de arriba de todo, pois traballar, adestrar ben e sobre todo diríalle á xente que apostara máis pola canteira, aínda que sei que é complicado porque todos queren resultados.

O seu fillo pequeno está empezando no Catoira, o maior, Hugo, xa é xuvenil no Deportivo, dalle moitos consellos?

Non, todo o contrario, de fútbol non falamos, só cando estamos vendo o Madrid ou o Dépor na casa pola televisión. El ten que ir pouco a pouco collendo o seu camiño. Ten que adestrar e facerlle caso ao míster, nada máis, eu non lle digo nada, non falamos case nada de fútbol.

En todos estes anos, onde foi máis feliz xogando?

Penso que na época do Pontevedra, porque coincidiu co ascenso e entón gozas máis. En todos os sitios estiven moi ben, sobre todo na Coruña, pero onde mellor o pasei foi en Pasarón. Cheguei con 26 anos, ascendemos a Segunda, tiña un adestrador que confiaba no bo xogo…pero ben eu disfruto en calquera sitio xogando ao fútbol.

Non falou coa familia dunha data de caducidade para colgar as botas?

Non, este ano vou seguir, levo así varios anos. Se me atopo ben cando acabe a temporada sigo e se non teño ganas de xogar, deixareino.

Padín, Sergio Álvarez, agora Íker Losada…que pasa en Catoira que saen tantos bos xogadores?

Este é un sitio de fútbol, sempre houbo xogadores e seguirán saíndo porque na escola de fútbol están traballando ben.

Foi adestrador de Íker Losada no Catoira, como ves a súa irrupción no Celta?

Para min é moi bo xogador, ademáis estivo ahí no momento xusto, el demostrou que pode estar aí e agora espero que non lle corten as ás e lle sigan dando confianza para facer o que sabe. É moi bo chaval, unha persoa centrada que sabe o que quere, espero que lle dean partidos no Celta, que no sexa cousa dun día.

Carlos Padín : “Catoira é un sitio de fútbol, aquí seguirán saíndo xogadores”

Te puede interesar