Alfredo Bea: “Os clubs demandan instalacións náuticas municipais”

Alfredo Bea: “Os clubs demandan instalacións náuticas municipais”
Dibujo

O Auditorio Municipal de Ribadumia acolle mañá ás 12 horas a gran festa do piragüismo galego coa Gala Anual presentada polo humorista Pepo Suevos na que a Federación premia aos mellores deportistas da temporada. Camila Morrison (Náutico Pontecesures) , Noel Domínguez e Tono Campos (Breogán), Manuel Fontán e María Pérez (Náutico O Muiño),  Carla Frieiro (As Torres), Ramón Ferro e os clubes Breogán, As Torres e  Pontecesures serán algúns dos arousáns premiados no acto.
Alfredo Bea (O Grove, 1969), que participou en catro Xogos Olímpicos, cumpre oito anos de traballo ao fronte da Federación Galega, da man dos clubs conseguiu situar a Galicia neste deporte náutico non só como referencia nacional, tamén internacional.

Cal é a saúde do piragüismo galego na actualidade?
É boa, só hai que mirar os datos, na súa historia acadara as 4.250 licencias, batemos o récord tanto en número de árbitros, de técnicos como de deportistas. En canto aos resultados a temporada foi boísima, tanto en categoría xuvenil como en sénior, en pista, maratón e kaiak polo, Galicia conta con medallistas europeos e mundiais. Podemos definila como a mellor temporada, sen ser olímpica, da historia do piragüismo galego. Ademáis, a nivel nacional os equipos galegos seguen arrasando nas diferentes ligas.

Que demandan os clubs?
O gran problema dos clubs son as instalacións, teñen dificultades para ter unha instalación náutica municipal, mentres noutros deportes os concellos constrúen pavillóns ou campos de fútbol, no noso deporte cando un Concello quere construír unha instalación náutica ao carón do mar, pola lei non ten ese espazo, polo que a inmensa maioría dos máis de sesenta clubes galegos de piragüismo non están en ningunha instalación municipal. Aparte de que case todos teñen que pagar canons,  teñen unha serie de gastos que no contemplan as administracións, como o transporte.

Isto é difícil de entender...
Os concellos non teñen un chan á súa disposición para facer infraestruturas deportivas náuticas, enchémonos de orgullo cos grandes resultados do piragüismo, das 16 medallas da historia do olimpismo galego, 10 son en piragüismo,  pero non existen ou son mínimas as instalacións municipais galegas de deportes náuticos. A única instalación feita pola Secretaría Xeral para o Deporte foi a do Grove, non existe ningunha máis en Galicia. Queremos o mesmo que os demais deportes porque aínda con todo o que crecemos non estamos a ser tratados en igualdade de condicións. Os clubes teñen que buscar instalacións e asumir gastos das mesmas, nalgúns casos pagando o hangar, a lámina de auga e o aluger do espazo.

Hai unha débeda co piragüismo non resolta en Galicia?
Por suposto. No ano 2010 o anterior Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, dixo que sacaba un plan de axuda porque os grandes éxitos acadados polo piragüismo non estaban a ser correspondidos polo gasto en instalacións, pero veu a crise económica e o plan quedou esquecido.


Chegou á presidencia no 2009 cando a Federación tiña unha débeda insostible, cal é a situación agora?
Cando chegamos era superior aos 750.000 euros, o noso primeiro orzamento non chegaba aos 450.000, a Federación Galega estaba absolutamente en concurso de acreedores. Nestes anos fomos quen de dobrar o número de deportistas, aumentar os éxitos de padexeiros e clubs e de saneala Federación, este ano esperamos pechar en positivo a situación económica. Conseguimos evitar a morte desta Federación e logramos crecer. Portugal, por exemplo, con 11 millóns de habitantes non chega ás 3,500 licencias, Galicia con 2.700.000 habitantes ten 4.250 licencias. Galicia supera a máis da metade dos países de Europa. 

A que se debe?
A que estamos rodeados de mar, pantanos e ríos, e os galegos non teñen medo á actividade deportiva, todo este éxito chega cun investimento mínimo das administracións en instalacións, e gracias ao empuxe de clubs e cidadáns galegos. 

Como é a relación coa Federación Española?
Nós intentamos ter unha relación fluída, constante e continua coa Federación Española, buscamos un crecemento lóxico do piragüismo en todo o estado e óbviasenos por activa e por pasiva. No artículo catro dos estatutos da Federación Española pon que esta coordinará ás políticas da modalidade de piragüismo en todo o territorio baixo o paraguas das Federacións Autonómicas, pero en cinco anos non nos reuniron. Cando te queixas de todo isto ante o CSD ves que non fan nada e permiten este tipo de chiringuitos. Aínda que o 49% do piragüismo nacional se concentre en Galicia, coa nova lei electoral de lista única déixannos apenas sen representación en Madrid.

Que cambios demandan á Española?
Acabamos de mandar catro propostas á asamblea, e son cumprimentos da lei que non se están a cumprir. Coas súas políticas o piragüismo no territorio español fóra de Galicia disminúe e nós aquí crecemos. Galicia paga a Madrid máis de 90.000 euros ao ano en conceptos de licencias e cánones e recibimos só 1.700 euros.

Seguirá na Federación logo deste mandato?
Despois de sufrir tanto gustaríame seguir, agora que se poden facer cousas, pero non máis alá de catro anos, non me vexo de presidente vitalicio. 

Por qué elixiron Ribadumia para a Gala?
Levan anos apostando polos deportes náuticos, non só o Clube O Muiño, tamén o Concello.

Alfredo Bea: “Os clubs demandan instalacións náuticas municipais”

Te puede interesar