A directiva reúnese mañá para decidir o rumbo en Terceira

A directiva reúnese mañá para decidir o rumbo en Terceira
Pedro García, autor do gol ante o Bergantiños, e Luismi, que fixo unha gran campaña | m. ferreirós

O día despois do descenso o plantel do Arosa despediu a temporada cun pequeno adestramento previo a unha cea que tivo lugar no Churrasco de Rubiáns. Foi máis que unha despedida do curso para algúns xogadores, xa que non todos continuarán a vindeira temporada en Terceira. A partir de mañá, cando se reúna a directiva, o clube empezará a definir o rumbo para regresar a Segunda RFEF. O único camiño percorrido ata o de agora está no capítulo de adestrador, xa que Luisito Míguez ten un ano máis de contrato e está disposto a liderar o proxecto.

O de Teo quere traballar dende xa para armar un equipo competitivo. Pero primeiro o clube terá que facer números e ver con que orzamento vai contar. O descenso supón unha baixada tremenda de ingresos en axudas por parte da Federación Española, da Deputación, da Xunta e da CRTVG. Un recorte que practicamente obrigará ao clube a reducir a metade os gastos, polo que a estrutura terá que cambiar.

O presidente Manolo Abalo é consciente de que este descenso é máis que un paso atrás no crecemento deportivo que viña experimentando o Arosa os últimos anos, primeiro co play-off e logo co ascenso. Por iso manter a categoría era fundamental. Abalo pon en valor a afección e destaca o apoio social logrado este ano. E espera que a cidade continúe ao carón do clube para regresar á Segunda RFEF.



Cronoloxía do chasco


Custa moito dixerir o descenso do Arosa como penúltimo clasificado, só superando ao colista Ceares, tras comprobar o ambiente que había na Lomba o domingo. Pero para encontrar as causas desta decepción hai que remontarse ás decisións tomadas no mes de xuño, hai case un ano. Logo de ascender como terceiro no play-off, o adestrador Rafa Sáez decidiu coller a dirección deportiva para traballar nos despachos e dotar de estrutura ao clube. A súa aposta para o banco foi Jorge Otero, nunha segunda etapa que non tivo a acollida esperada pola afección e que acabou nunha destitución a cinco xornadas para o final de liga.

A aposta no plantel e no corpo técnico si foi pola continuidade. Seguiron 14 xogadores da temporada de Terceira e chegaron 6 fichaxes, dos cales o central andaluz Álvaro Denis non chegou a debutar en liga. Co bloque do plantel de Terceira no once habitual, salvo Alberto Martín, Diz, Luismi e Luis Nuño, o Arosa fixo unha boa primeira volta, sen apenas caer a descenso. Pechouna con 21 puntos. No mercado de inverno non fixo ningún movemento, a diferencia da maioría de rivais da parte baixa. A liga elevou a competitividade na segunda volta e o equipo perdeu empuxe. Dúas vitorias na casa no desconto ante o Marino e a Segoviana paliaron o baixo rendemento a domicilio, encaixando derrotas avultadas en Llanera, Coruxo e Navalcarnero. Dous partidos seguidos na Lomba, con Avilés e Palencia, saldados con un empate sen goles e unha derrota por 0-3 levaron ao equipo ao pozo.

O clube mantivo ao adestrador e presentou ao defensa andaluz Diego Felices, que chegou libre do desaparecido Extremadura. O equipo reaccionou, empatou en Langreo e gañou ao colista Ceares, pero volveu a deixar unha pésima imaxe no Helmántico encaixando unha nova goleada co Salamanca. Foi entón cando se decidiu o cambio de adestrador. A falta de cinco xornadas, en descenso e cun calendario inmediato con derbis ante Pontevedra e Compostela. Luisito aceptou o reto que rexeitou Rafa Sáez ao non sentirse con folgos trala petición da directiva. Co adestrador de Teo o Arosa competiu mellor, pero sumou 5 puntos de 15 en partidos moi igualados que se decidiron por detalles, sobre todo co Pontevedra, Compostela e o último co Bergantiños. Polo que rematou a competición con 39 puntos, sendo o terceiro equipo que menos goles marcou na liga e o segundo que máis encaixou.

A nivel individual houbo xogadores que saíron reforzados polo seu rendemento este ano. Empezando por Sergio Cotilla e Luismi (9 goles) e seguindo polo capitán Julio Rey ou os sub 23 Javi Fontán e Javi Piay. Con contrato en vigor para a vindeira temporada só hai un, Pablo Porrúa. A Luisito quédalle por tanto moito traballo por diante que facer nas vindeiras semanas para poñer ao equipo á altura que demostrou a súa afección, que foi sen dúbida o mellor desta temporada. 

A directiva reúnese mañá para decidir o rumbo en Terceira

Te puede interesar