A Eusko Label Liga chega á fase decisiva en Boiro

A Eusko Label Liga chega á fase decisiva en Boiro
Diario de Arousa-2019-08-23-040-ba0767d1

A sala de xuntas do Concello de Boiro acolleu onte a presentación da vixésimo novena Bandeira Concello de Boiro, a décimo oitava proba puntuable da Eusko Label Liga 2019 que vai chegar este domingo día 25 ao Náutico de Boiro – Marina Cabo de Cruz. Á presentación asistiron o alcalde do municipio, José Ramón Romero, o concelleiro de deportes, Marcos Fajardo e Daniel Vázquez, presidente do Club de Remo Cabo de Cruz. 

A regata comezará ás 12:00 horas e está previsto que remate sobre as 13:30 horas, momento no que se fará entrega da bandeira no mar. O presidente do Club de Remo Cabo de Cruz dixo que “o club está de oitavo, unha posición cómoda para manter a categoría”. Á presentación asistiu unha delegación do equipo de remo de Orio, que van de primeiros na competición. 

O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, aproveitou para darlle a benvida a Boiro e dixo que “é unha honra acoller no municipio unha proba tan importante como é a Liga ACT de Traíñas, e tamén un orgullo contar cun club como é o de Remo de Cabo de Cruz que non deixa de colleitar éxitos”. O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, dixo que “vai ser unha fin de semana moi bonita e moi importante para os deportes náuticos do municipio, xa que a Liga ACT coincide tamén coa Regata Galatea”. “Recibimos cos brazos abertos a todos os afeccionados ao remo e deportes náuticos que esta fin de semana se acheguen a Boiro e que, ademais do deporte, desfruten do noso turismo, das nosas praias, e da nosa gastronomía”, dixo Martiño. 

Nesta regata decidirase que equipo descenderá directamente da máxima categoría do remo equen defenderá o seu posto na competición frente os equipos que gañaron un convite ao playoff da Eusko Label Liga. Tamén chegará o momento de despedir aos clubs que fiquen na novena e décima posición, xa que nas dúas últimas xornadas de Bermeo e Portugalete apenas competirán os oito mellores da competición.

As quendas para esta XXIX Bandeira Concello de Boiro estabeleceranse en base á clasificación Xeral da Eusko Label Liga despois da disputa da xornada do sábado coa regata en Bueu.

A Eusko Label Liga chega á fase decisiva en Boiro

Te puede interesar