“Sempre me encantou organizar actividades en prol dos demais”

“Sempre me encantou  organizar actividades  en prol dos demais”
Copia de Diario de Arousa-9999-99-99-999-21d1fd00_1

A X Festa do Deporte de A Illa premia esta tarde na súa gala anual a José Manuel Cousido, “Petote” (23-7-59) para recoñecer o seu labor ao fronte da ADC Dorna e do Céltiga FC durante os últimos 30 anos. A Fundación Deportiva otórgalle este galardón (a partir das 19.30 horas no Pavillón do Colexio Torre-Illa) polo seu compromiso e traballo desinteresado en pór dos demais en dúas institucións referentes na Arousa.

- Cómo empezou no mundo do deporte?
- Xoguei no Céltiga, no primeiro ano de xuvenil nun partido co primeiro equipo sufrín unha rotura de tibia e peroné. Aos 19 anos perdín un brazo nun accidente laboral na batea de meu pai.  Fixen os cursillos de iniciación para pasar a traballar na biblitoteca da Illa, aumentando as miñas inquedanzas culturais, por iso entrei a formar parte da Asociación Dorna no ano 78.

- E logrou dinamizar e facer crecer moito a asociación durante vinte anos...
- Dorna naceu a principios dos 70 con Sito Vázquez, pero chegou un momento que ao pasar á política abandoaron un pouco ese traballo, por iso cando cheguei estaba adormecida. Comezamos a botala a andar con moitas actividades culturais e deportivas. Primeiro coa Carreira Popular da Illa, que tristemente desapareceu, logo fixemos campionatos de futbito para todas as idades e recuperamos as regatas de dornas a vela.

- Vostede é o precursor da Volta á  Illa en dornas...
- Si, fundámola cando eu era presidente, ademais chamábanme doutros pobos da Ría para que lles organiza as regatas. De forma paralela á vela empezamos a formar o equipo de xadrez, fíxose o mesmo co tenis de mesa, e creouse a sección de baloncesto con varios equipos. Ademais de acoller o piragüismo, que naquel momento non tiña unha ubicación fixa.

- Por qué deixou este labor?
- A morte dun irmán afectoume moito e andiven varios anos moi fastidiado, ata que un día pasei por diante do local social do Céltiga que estaba na cuarta ou quinta asemblea e non atopaba presidente.

- Non pudo resistir de novo a “tentación” de traballar en prol dos demais...
- Así é, non o podo evitar, gústame facelo. Gústame e éncheme facer actividades polo demais.  Nunha semana xuntei a 20 directivos e collimos o Céltiga para darlle un cambio importante e dinamizalo en todos os aspectos. Fixemos categorías inferiores (cando cheguei só había xuvenís), conseguimos reutilizar o campo de A Bouza , que estaba abandoado, empezamos a movernos para a moderninación do campo Salvador Otero, que foi reformado pola Deputación, ao igual que o da Bouza.  

- E implantou un novo modelo de recursos económicos que persiste no clube...
- Tiña a experiencia de organizar festas porque fun fundador e presidente de Asociación de Empresarios. No fútbol os recursos económicos escasean, por iso recuperamos e institucionalizamos as festas gastronómicas como a do pulpo. A día de hoxe son referentes pola súa boa organización e calidade, e supoñen un filón para o Céltiga, que durante estes anos gozou de éxitos deportivos e segue a ser un clube cumpridor e serio.

- Manuel Martiñán colleulle o relevo e mantivo a mesma liña, por qué deixou vostede?
- Martiñán estaba conmigo de vicepresidente, é un home serio e traballador que lle deu continuidade a todo isto. Eu deixei cando me cansei, teño unha empresa coas miñas fillas e a familia tamén me pedía tempo.

- Estivo tentado para dar o paso á política?
- Claro que estiven tentado, pero nunca quixen dar ese paso.

- Logo de tantos anos traballando polo deporte e a cultura da Illa, este recoñecemento faralle moita ilusión...
- Sempre che fai ilusión que te recoñezan, que se acorden de tí, sobre todo por todos os que estiveron ao meu carón, directivos e familiares.

“Sempre me encantou organizar actividades en prol dos demais”

Te puede interesar