A colaboración público-privada impulsa novos centros de innovación en Galicia

Compañías líderes nos seus sectores como Navantia, PSA Citröen, Roche Farma e Coren están a impulsar novos centros de innovación en Galicia en colaboración con organismos de investigación da comunidade. 

Estas novas unidades que se están a desenvolver non se configuran só como un foco de coñecemento punteiro radicado en Galicia, senón que tamén buscan activar a posta en valor dese coñecemento no mercado, o que se traducirá en activos para mellorar a competitividade e o crecemento económico.

A posta en marcha destes novos centros forma parte do programa de unidades mixtas impulsado pola Consellería de Economía e Industria, que busca funcionar como panca para atraer a grandes grupos empresariais a innovar en Galicia, en colaboración con entidades autóctonas como universidades ou centros tecnolóxicos, garantindo un quíntuplo obxectivo: a captación de capital privado para I+D+i; a contratación de persoal cualificado na comunidade; a transferencia de coñecemento ao mercado galego para impulsar a competitividade e o emprego; a capacidade de entidades como os centros tecnolóxicos para autofinanciarse grazas á propiedade industrial desenvolvida nesta iniciativa; e o efecto tractor destes grupos de traballo a nivel local.

Inversión

Neste 2015, a Consellería de Economía e Industria destina trece millóns de euros a once novas unidades mixtas que mobilizarán preto de 50 millóns. Deste xeito, a iniciativa, á que cabe engadirlle os máis de 20 millóns mobilizados nos oito proxectos seleccionados no 2014, eleva a mobilización de capital ata os 70 millóns de euros, impulsando liñas de traballo innovadoras. 

Neste contexto, as once unidades mixtas da convocatoria deste ano crearán 165 empregos de alta cualificación, que se suman aos 105 postos de traballo xerados no anterior exercicio, dando un total de 270 novos empregos cualificados.

As unidades mixtas desenvólvense no marco da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0, na procura de promover un modelo industrial baseado na fábrica intelixente, eido que centra catro das iniciativas, e  veñen reforzar a capacidade innovadora de sectores estratéxicos para Galicia, en liña coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Así, a maior parte delas correspóndense co reto de incrementar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega. 

Neste sentido, tres novas unidades mixtas súmanse ás tres existentes no sector da automoción, mentres que outras tres inauguran a nómina de unidades no ámbito naval. 

A alimentación, con dúas, e as TIC, o medio ambiente e a saúde, con unha respectivamente, completan o abano de unidades beneficiarias da última resolución de axudas.

Pulo ao naval

No marco do impulso á competividade do sector naval, Economía e Industria apoia tres unidades mixtas que, a través dun investimento público de 2,5 millóns suporán a mobilización de oito millóns, sumando a achega de empresas e centros tecnolóxicos e de investigación galegos.  Neste eido, a alianza de Navantia coa Universidade da Coruña ten como obxectivo optimizar os procesos produtivos para que os estaleiros galegos sexan competitivos en relación cos de Asia e o resto de Europa. Wartsila Ibérica e Aimen traballarán xuntos para mellorar o deseño e fabricación de eixes de buques. 

Finalmente, Vulcano e de novo Aimen desenvolverán solucións tecnolóxicas de fabricación que sexan intelixentes, flexibles e de baixo custo para o sector da construción naval.

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) está presente en dúas das novas unidades mixtas relacionadas co seu sector. Con PSA Citröen deseñará e porá en marcha unha instalación piloto que reflectirá a evolución cara á industria automobilística 4.0, con aplicacións de robótica, mentres que con Viza obterá unha nova xeración de armaduras de asentos de altas prestacións en canto a peso, ergonomía e resistencia. A terceira unidade no marco deste sector nace da alianza entre Aimen e GKN Driveline Vigo e ten como obxectivo o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a fabricación de alto rendemento de compoñentes de transmisión para vehículos, que posteriormente se poderán aplicar noutros sectores como o naval e o aeronáutico. O investimento público total nestas unidades supera os dous millóns e mobiliza máis de sete.

A colaboración público-privada impulsa novos centros de innovación en Galicia

Te puede interesar