Os concellos apostan pola eficiencia enerxética para impulsar o aforro

Os concellos apostan pola eficiencia enerxética para impulsar o aforro

Os municipios galegos están a impulsar medidas que favorecen o aforro e a eficiencia enerxética, o que repercute nunha redución dos custes para as arcas públicas. En base a este obxectivo, os concellos poden optar a unha liña de axudas para a renovación da iluminación pública exterior, así como a proxectos vinculados cos sistemas de iluminación e de calefacción dos propios edificios municipais.

A orde de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria conta cun orzamento global de 3,5 millóns de euros e ten como principal finalidade beneficiar ao longo deste ano a máis de 70 municipios galegos, que acadarán un aforro económico conxunto de oito millóns de euros durante os dez primeiros anos de vida útil dos equipos, o equivalente ao consumo anual dunhas 1.350 familias.

Axudas

Este apoio autonómico, que se realiza a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), permite colaborar cos concellos con axudas de ata o 75 por cento do investimento a realizar. Nesta edición, a novidade máis destacada é que a orde se amplía á renovación das instalacións de iluminación interior e de calefacción dos edificios de titularidade municipal. Para estes proxectos, o Goberno galego reserva un millón de euros.

Ademais da redución dos custos de funcionamento, a renovación da iluminación pública exterior e no interior dos edificios municipais e a instalación de sistemas de calefacción eficientes nos equipamentos de titularidade pública repercuten no aforro enerxético de máis de 4.700.000 kWh/ano, ao tempo que se evita a emisión de 3.000 toneladas de CO2 a atmosfera por ano, unha cifra que equivale a plantar arredor de 153.000 árbores. 

Os concellos interesados en solicitar a colaboración da Xunta teñen ata o 18 de xuño –o prazo é dun mes despois a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG)– para presentar as súas propostas, a través das cales poderán instalar equipos de iluminación e calefacción máis eficientes que permitan acadar unha cualificación enerxética A ou B.

Catro de cada cinco

Con esta nova edición, a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca dar continuidade ao traballo desenvolvido durante os últimos sete anos a través desta liña de axudas. En total, este programa permitiu mobilizar arredor de 23,2 millóns de euros en máis de 250 concellos, o 80 por cento do total da comunidade galega. Cos proxectos que se puideron levar a cabo desde os municipios, estímase que os concellos aforraron ata un 50 por cento do custo que supón para as arcas públicas a factura eléctrica. 

Con esta medida, o Goberno galego segue adiante coa súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética municipal, así como polo fomento da utilización de fontes renovables. 

Así, os concellos galegos poderán racionalizar mellor o gasto enerxético sen diminuír a calidade dos servizos que prestan, permitindo ademais dedicar os aforros obtidos a outra serie de servizos; ao tempo que favorece a mellora do medio ambiente pola adecuación dos niveis lumínicos ao uso das vías e o uso racional da enerxía.

Na aposta pola eficiencia enerxética tamén está a xogar un papel destacado a implantación de caldeiras de biomasa, con axudas da Xunta que permitiron os dous últimos anos a instalación de máis de 100 equipos nun total de 79 concellos galegos, que están a obter, de modo conxunto, un aforro anual de 395.000 euros. 

De feito, este ano, o Goberno galego dispuxo de axudas dirixidas non só aos concellos. En concreto, destinou máis de 8,4 millóns de euros para favorecer a implantación das caldeiras de biomasa, dos cales 5,4 centráronse en proxectos enfocados a empresas, institucións sen ánimo de lucro e administración pública, e tres millóns para persoas físicas no medio rural. 

A previsión autonómica, recollida na Estratexia Integral de Impulso da Biomasa 2014-2020, é que, a finais da década, Galicia estea aforrando cada ano 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, cree 1.000 novos postos de traballo no ámbito da biomasa e mobilice un investimento que roldará os 500 millóns de euros, valorizando 270.000 toneladas de biomasa anuais e evitando que se emitan á atmosfera 246.000 toneladas de CO2 ao ano.

Todas as axudas para o impulso dunha mellor utilización dos recursos enerxéticos compleméntanse co asesoramento que desde o Inega se lle presta aos concellos para resolver as dúbidas que lles poidan xurdir sobre esta cuestión.

Os concellos apostan pola eficiencia enerxética para impulsar o aforro

Te puede interesar