Juan Fajardo | “En catro anos o goberno costou un millón de euros por catro horas ao día de traballo”

Juan Fajardo | “En catro anos o goberno costou un millón de euros por catro horas ao día de traballo”
Juan Fajardo

A política é, para Juan Fajardo, a ferramenta que ten na súa man para conseguir “o mellor para Vilagarcía”. É o candidato nestas municipais que se presentou máis veces, pero segue coas mesmas ganas e coa mesma vocación de gobernar.

 

Volven as siglas de EU despois do proxecto de hai catro anos de Vilagarcía En Común...

Volven as siglas, pero é unha candidatura plural e hai xente de Vilagarcía En Común. Somos unha coalición e iso queremos representar.

 

Por momentos había o espellismo de que sería posible agrandar esa coalición cun pacto con Podemos-Marea da Vila. Que o freou?

En realidade agora hai diferenzas ideolóxicas e programáticas clave. Nós temos claro que Varela non vai ter a maioría absoluta e non temos nada claro que as outras dúas organizacións (en referencia a BNG e Podemos) non lle vaian dar un cheque en branco para gobernar. Hai quen ten compromisos previos e iso son dificultades insalvables.

 

Pleno tras pleno o goberno recórdalle a vostede que leva anos presentándose. Hai Fajardo para tempo?

Eu volvo a presentarme porque EU mo pediu, outra cousa é que Varela debería estar calado. El vai ser a terceira vez que se presente e o tempo pasa para todos, para el tamén. Algúns, coma min, non temos compromiso máis alá de que queremos o mellor para Vilagarcía. Outros coma el nunca traballaron na empresa privada. Pasou da facultade ao Concello, cun posto que lle deu o anterior alcalde do PSOE e daí a rexedor. Dende logo unha das cousas que máis me animou a presentarme é Alberto Varela.

 

Por?

É o alcalde máis raro que vin nos últimos tempos. Nin Fole, nin Gago... Polo menos collían o teléfono e traballaban a xornada completa e non se comportaban de forma tan déspota coa oposición.

 

As súas propostas sempre xiraron arredor do emprego e da vivenda. Por que apostan neste mandato?

Vilagarcía ten máis diñeiro ca nunca. Habendo recursos hai que dedicalos ao fundamental. Temos menos emprego que en 2009 e non se instalou en Vilagarcía ningunha empresa de tamaño razoable.

 

Varela di que si.

Das empresas que fala Varela o 52 % non ten traballadores e das outras a metade ten menos de sete. Son microempresas, autónomos... empresas fabriles ou así non se instalou ningunha.

 

E como podería conseguirse?

Primeiro temos que ter un polígono que teña servizos, porque hai empresas que se querían instalar alí que non poden facelo. En todo caso non só é iso. Hai que mirar novos xacementos de emprego como son as novas tecnoloxías. Por que non pór en marcha un viveiro de empresas de novas tecnoloxías? A maiores o Concello ten que empuxar para xerar emprego. Hai un plan de revitalización de baixos baleiros e non se sabe o resultado. Hai que facilitarlles ás empresas a posibilidade de vir para aquí. Falar cos empresarios e ser proactivo, ao igual que fan outros alcaldes noutros concellos.

 

E en materia de vivenda. Que pode facer o Concello?

En Vilagarcía hai un problema. Hai máis de 4.000 vivendas baleiras porque o aluguer turístico está presionando o mercado. Hai que traballar para construír vivenda pública para o aluguer. E non só iso, tamén traballar para que exista unha residencia pública. Todos imos ser maiores e non podemos gastalo todo en cemento e non cubrir as necesidades básicas da poboación.

Teñen idea de donde podería ser esa residencia pública?

Si. Varela meteu tres millóns de euros en mercar terreos públicos do Porto. Nós con eses cartos comprariamos a casa dos Duques de Terranova e aínda nos sobrarían dous millóns. Aí teriamos espazo para facer unha residencia e poderiamos negociar coa Xunta.

 

Hai humanizacións e ciclovías no programa de Esquerda Unida?

EU cre nas humanizacións e nas ciclovías. No que non cremos é en facer chapuzas que converten as cousas positivas en problemas. Era necesario facer agora as ciclovías cando hai outras cousas máis importantes? Hai un fenómeno curioso neste goberno que é o de humanizar o centro e deshumanizar a contorna. Dende logo coas humanizacións con cemento e sen zonas verdes non estamos dacordo.

 

Que máis propostas ten EU?

Eu sempre defendín que gobernar un concello é fácil, simplemente non hai que facer tolerías e hai que facer as cousas que a xente pide. Votar a Alberto Varela é dicir que si a piscinas de agua salgada na praia. É dicir, temos unha praia na que non te podes bañar todos os días porque se prohibe por vertidos e imos colocar piscinas? Esas cousas hai que mudalas.

 

Que vai ser o primeiro que faga Juan Fajardo se chega á alcalde?

O primeiro é o pleno de organización e aí hai que falar de salarios. A nosa candidatura é a única que non é unha lista de contratación, a de Varela si o é. Hai sete persoas que son liberadas. Eu creo que para facer política hai que cobrar, pero o problema é que en catro anos o goberno de Varela nos costou un millón de euros por traballar catro horas ao día. O alcalde debe ter un salario acorde á situación de Vilagarcía. O salario medio dun veciño desta cidade é de 11.500 euros ao ano. Eu non digo que o alcalde deba cobrar iso, pero Varela cobra 54.000. Eu creo que con 40.000 euros ao ano tamén se vive ben. É difícil que ti atendas ás necesidades da xente cando na túa casa entran 85.000 euros ao ano.

 

Os salarios son, pois, unha liña vermella no caso de negociar se non obtén maioría...

Si, si. Nós cremos que hai que reducir o gasto global de salarios, reducir o número de liberados e darlle un ao partido que teña a cabeza da oposición.

 

Ao PP?

Se é o PP, pois ao PP.

 

Estaría EU disposto a entrar no goberno de existir esa opción?

Eu non me presento par ser oposición, sempre quixen gobernar. Outra cousa é que nalgún momento cometera o erro de non entrar nalgún goberno. Está claro que nos presentamos para iso, pero non a calquera prezo. Se temos a oportunidade de entrar nalgún goberno validaremos os acordos aos que se chegue con todos os veciños. 

 

 

A conserva como exemplo de loita

O candidato de EU elixe como referentes ás traballadoras de Cuca, protagonistas dunha loita sindical na cidade hai anos. “Para min son exemplo de resiliencia, de loitar polo que cren xusto e e de non dar nunca un paso atrás ante a inxustiza”. Lamenta o feito de que “nesta vila nunca se honrase ás traballadoras da conserva, cando o movemento sindical e a reivindicación dos dereitos das mulleres empezaron na conserva en Arousa. Nós anos 70 e 80 abriron camiño, nunha sociedade máis complexa”. Ademais súa nai traballou neste sector.

[... e mañá entrevista a Xabier Rodríguez, candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía ]

Juan Fajardo | “En catro anos o goberno costou un millón de euros por catro horas ao día de traballo”

Te puede interesar