Liso González | “O bipartito empregou o de Xironsa como elemento distorsionador da política local”

Liso González | “O bipartito empregou o de Xironsa como elemento distorsionador da política local”
O candidato do BNG de Cambados, Liso González | Gonzalo Salgado

Xosé Luis González Roma –Liso para todo o mundo–, ten 48 anos e é axudante do prestixioso escultor Francisco Leiro e “téñenme preguntado se son medio artista, pero non, son carpinteiro”, corrixe. Leva case 30 anos formando parte das candidaturas do BNG e dá o paso á primeira liña por petición dos seus compañeiros ante a necesidade dun relevo. No 2019, a pesar de que a pé de rúa as sensacións eran outras, o cuatripartito non lle sentou ben á formación, pero asumiu o papel de oposición e mira cara adiante.

 

Que cualidades ten para ser un bo alcalde?

Terían que dicilo outros, pero se teño que dicir algo: Aporto traballo, man esquerda e valentía, non me arrugo á hora de defender as miñas conviccións e propostas.

 

Nas anteriores eleccións, o BNG perdeu un cento de votos. Que perspectivas teñen?

Somos realistas, vimos dunha época costa abaixo, pero tamén optimistas e temos ganas de seguir sumando e de liderar un goberno de esquerdas, que é o que Cambados pide.

 

Como tratou o bipartito o legado do Bloque no cuatripartito?

Dilapidouno: a conciliación a través das casas de cultura, a potente feira do libro, quitoulle protagonismo aos colectivos culturais, que eran os dinamizadores da vida social do Concello, os consellos parroquiais non funcionan, a transparencia era maior... Foi un traballo de base e moitas veces non era de gran pompa, pero facía falta aire fresco e unha visión distinta tras tantos anos do PP.

 

Algo máis que fixera mal?

Foi o peor que pode ter un goberno: ser irrelevante. Agora hai obras en modo electoral, pero a falta dunha folla de ruta o levou á improvisación e arrogouse o protagonismo que lle pertencía á sociedade na vida social, cultural e deportiva.

 

Houbo posibilidades de que entraran no goberno, que pasou?

Nós xa pasamos folla. Tiñamos unha máxima: un goberno debe ter unha folla de ruta, non se deu e nos retiramos. Co cuatripartito pagamos a peaxe de Cambados Pode porque era o momento de facer un goberno que deixara un legado, de romper definitivamente coa época do PP.

 

Por que non apoiaron os salarios? O BNG tiña no cuatripartito. Que diferenza hai?

Era o único xeito que tiñamos de demostrar que non apoiamos o goberno que fixo a alcaldesa. A investimos para que formara un goberno de esquerdas e a lei di que tes dereito a unha retribución, pero sempre que o aprobe a maioría, e a nós excluíronnos dese goberno.

 

Están abertos a pactos?

Saímos a gañar votos e demostramos que somos garantes de que non volva o PP, sería lesivo. Sabela Fole –a voceira e candidata– é o de sempre: aquí vota polos veciños, pero o seu partido en Santiago corta todas as liberdades e posibilidades de que Cambados avance. E ante iso, unha vez que se vote, estaremos abertos a pactos e diálogos coa esquerda.

 

Que sería o máis urxente?

A nosa campaña baséase en tres eixos: A organización interna do Concello, eliminar esa división irreal do centro e as parroquias e devolverlle o protagonismo aos clubes, asociacións... O máis urxente é tomarse en serio a Relación de Postos de Traballo (RPT) e segundo, adaptar o orzamento ás necesidades reais do Concello. Vese polos innumerables reparos de Intervención que hai moitas eivas que corrixir e hai que ter en conta que debido á inflación perdeu 400.000 euros de poder adquisitivo dende 2019.

 

Cumpriuse o pacto do Orzamento?

Non. Si crearon as axudas a comedores, pero non se puido acoller ningunha familia, é moi farragoso, non é unha axuda social. E si subiron as partidas a entidades, pero porque xa estaban reflectidas no documento. E por moito que digan, as subiron por nós .

 

Nesa negociación púxose sobre a mesa a súa presidencia en Xironsa, cre que pode prexudicarlle estar agora na primeira liña?

Esa análise non debo facela como voceiro do BNG, pero non está reñido, sei separalo e o goberno ten que saber discernir. De feito, o concelleiro de Deportes é presidente do Clube de Atletismo e firma reparto de cartos. Éticamente non debería estar aí, pero o goberno si empregou a miña presidencia como elemento distorsionador da política municipal. Se teño un cargo no goberno, dimito en Xironsa.

 

É realmente viable a súa proposta urbanística de 20 millóns?

Si. É algo a longo prazo, pero está traballada con técnicos e é realista, para que o día 29, se o BNG goberna, xa se poña a buscar financiamento e convencer ás administracións. Saldará eivas como a falta de aparcamento e de vivienda –perdemos poboación–. Vemos que a iniciativa privada non funciona, así que imos propoñer que o Concello sexa parte promotora facendo a apertura de rúas a cambio dun terreo municipal.

 

En liñas xerais, como resumiría o resto do seu programa?

Recuperar o protagonismo da sociedade, activar os consellos parroquiais e que as casas de cultura abran coma antes e dotalas de actividades. Non sempre habería gran demanda, pero era un desafogo para xente que queda excluída de moitas cousas, ás veces por cuestións económicas. É teñen que volver as ludotecas de balde. Quedamos asustados con que un alcalde de esquerdas dixera que non lle podía facer competencia ás empresas. Que privatice o servizo da auga, como hai xente que a vende embotellada! En infraestruturas faremos un plan para saber o que temos, empezar a matelo e logo ir sumando cousas. Seguiremos a senda de Castrelo e faremos unha zona de ocio en Espiñeiro. 

 

Unha Medalla Castelao para Adela Leiro

González quería elixir a un anónimo no sentido desa xente que sen darse aires de grandeza levanta un país. E así chegou ata a mestra, escritora e compañeira do BNG Adela Leiro, porque influíu políticamente nel e “é un modelo de liberdade feminina e fixo un traballo impresionante por Galicia”, engade recordando anos e anos de investigacións e publicacións. De feito, “hai moita xente que se pon a medalla da posta en valor do patrimonio, pero case todos teñen que pasar pola súa casa para buscar material e ela sempre accede e con humildade. Case é insultante porque aí si hai unha Medalla Castelao, pero non ten ese recoñecemento e está cómoda así”.

 

[... e mañá en O Salnés, entrevista a Tino Cordal, candidato de Somos Cambados]

Liso González | “O bipartito empregou o de Xironsa como elemento distorsionador da política local”

Te puede interesar