O gaiteiro autodidacta que se converteu no máis lonxevo de Cambre

O gaiteiro autodidacta que se converteu no máis lonxevo de Cambre
el ideal gallego-2019-02-26-017-257fbf0f

Aprendeu de forma autodidacta practicando cunha flauta e a piques de cumprir os 88 anos –este xoves–, Manuel Piñeiro Blanco é o gaiteiro máis lonxevo de Cambre. Polo menos, que se saiba, afirman desde a familia Seivane, referencia da música e artesanía galega e bos amigos do protagonista.

A Piñeiro, como se lle coñece, sempre lle gustou a gaita, pero as ocupacións laborais non lle permitían dedicarlle tempo. Casou novo e traballaba arreo para sacar adiante a unha familia con dous fillos. “Eu tiña un camión e ía por toda España e parte de Portugal facendo portes. Non podía tocar a gaita pero nos ratos libres, cando saía a algún lado no coche, poñía discos no coche e funos collendo coa flauta”, comenta o cambrés.


 Pero chegou un momento en que a flauta quedou pequena e había que dar o salto á gaita. Afirma que cando lle comentou á súa dona que quería ensaiar na zona da presa de Cecebre, ela preguntoulle “se estaba tolo”. “Díxome que igual a xente de por alí comentaba cousas, pero eu convencina de que o único que ían comentar era que había unha persona alegre tocando a gaita”, lembra, sorrinte, Piñeiro, quen trabou amizade nos 90 co patriarca dos Seivane, Xosé Manuel –falecido en xaneiro de 2012–, de quen di que era “unha virguería de artesán”, sen desmerecer aos seus descendentes.


Foi precisamente o fundador do obradoiro e a marca Seivane quen o levou a Cecebre para recibir clases do gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas –Radio Cos, Uxía Senlle, Lelia Doura, entre outros–. “O señor Xosé Seivane avisouno de que eu tocaba á miña maneira, que nunca recibira clases, e así estiven varios anos. Tiñamos un grupo de xente boísimo, pero Pedro Lamas marchou para facer outras cousas e xa non recibín máis clases”, asegura o gaiteiro. 
Sen precedentes 


Sobre a súa paixón pola gaita, o cambrés recoñece que non hai precedentes na súa familia –quedou orfo de nai con cinco anos e asegura que el tería sido “un señorito músico” de non morrer ela–, pero tenta enganchar ás novas xeracións. 


“Regaleille á miña neta Carmen María unha gaita en si bemol coas súas iniciais e agora xa teño dous bisnetos, tamén quero que eles toquen e xa lles levei unha gaita pequena e un tamboril coa frase ‘recordo dos avós’ gravado”, apunta o músico, quen tamén ten pensado regalarlles o seu saxofón, instrumento ao que tamén lle pegou intermitentemente. 


Conserva os seus recordos intactos e di que só lle doen un pouco os cadrís –debido a un accidente que tivo no 66 na glorieta de Sabón, cando un trolebús chocou contra el– e lle custa algo pechar as mans. “Non sei nin como toco. Quedei sen a dona fai cinco anos pero teño unha filla que é un tesouro e aí vou resistindo”, di mentres comenta que segue asistindo a foliadas “pero cun bastón”. 

“Hoxe hai moita gaita pero ás veces só escoito barullo. A min gústanme as pezas antigas, as de toda a vida”, di Piñeiro, que rapidamente comeza a cantar “A saia da Carolina” e outros temas da cultura popular galega. 


Ten unha gran relación coa familia Seivane. “Sempre os apreciei moito e creo que eles a min tamén. Para min son como da miña familia”, sinala, aínda que xa non pasa tan a miúdo polo obradoiro como antes. “Veu o outro día para poñer a punto unha das gaitas, que dicía que estaba moi dura e custáballe tocala, pero xa levaba tempo sen vir por aquí. É un gran amigo da familia”, comenta Álvaro Seivane.

Despois dun rato de conversa, Piñeiro xa leva tocadas varias pezas e afirma que as mans xa están “máis quentes”. “Cando levas un rato parece que o fol xa che encaixa mellor e os dedos non escapan”, indica este músico autodidacta que sempre se fixou de neno nos gaiteiros e os saxofonistas das bandas e orquestras.


Piñeiro amosa unha alegría contaxiosa falando de muiñeiras e pasodobles e o seu entusiasmo vóltase todo un exemplo a seguir. Pasado mañá cumpre 88, que sexan moitos máis!

O gaiteiro autodidacta que se converteu no máis lonxevo de Cambre

Te puede interesar