miércoles 27/1/21

A necesidade de que Valle-Inclán fale en galego e baile con títeres e figuras de aire

O Rosalía ofrece ás 20.30 horas “Da avaricia, a luxuria e a morte”, onde Teatro do Noroeste trae ao Valle máis auténtico

El Ideal Gallego-2019-02-23-036-169cb240
El Ideal Gallego-2019-02-23-036-169cb240

A obra estrouse a finais de setembro en Narón. Xa estivo nas principais prazas do país, en Vigo, Santiago ou Ferrol e hoxe tocaralle outra das grandes, o Rosalía. Porque Valle-Inclán en galego era unha necesidade, Teatro do Noroeste fai un tres en un de exquisiteces súas para representar “Da avaricia, a luxuria e a morte” ás 20.30 horas: “É un dos nosos escritores máis importantes, houbo un veto da familia para que non se puidese representar en galego e obtiveron a moratoria de cinco anos máis”, conta un dos actores Miguel Pernas, pero agora os seus textos son aptos para facer maxia porque o argumento deles era que Valle sabía o galego, e como o sabía podía escribir en galego e non o fixo. Isto levou a que se contaran en francés e en portugués pero non nas linguas do estado: “O caso é que xa o temos e nós estamos moi orgullosos” porque a compañía fai unha lectura fiel da escrita do vilanovense, “se levantase a cabeza, estaría contento do feito por Manuel Guede, porque soa moi ben neste galego”. 

Tamén souberon captar o espírito do autor con tres textos e os mesmos actores e músicos que van cambiando segundo o que toque. Así, Pernas explica que no primeiro, “Ligazón”, que Valle subtitulou como teatro de sombras, tenden sabas e xogan con figuras de aire nunha posta en escena telúrica e exotérica que afonda na relación de personaxes moi galegos, en contacto con meigas. En “A cabeza do Bautista” o escritor apuntou marionetas. Hainas e o conto vai dun indiano retornado que ten que lidiar cun pasado en México que se lle presenta en busca de vinganza, en concreto, o fillo da súa amante. 

Os títeres acompañan á dramatización da historia de Higinio e a Pepona, a compañeira de aquí, e do contrapunto Jándalo, que “é como lle chaman os que emigraron en busca de aventura”. A última peza é macabra e nela “Galicia está moi representada” nun ferreiro trastornado porque pensa que todos están a roubarlle o diñeiro que lle deixou en herdanza a súa muller: “É unha farsa, ela morre pero andan con media obra co cadáver de aquí para alá”. 

Por outra banda, a música vén da man de Bernando Martínez, “afeito a traballar en compañías de teatro”, e está cantada por Felisa Segade, de Leilía, e interpretada por Xan Casas, “un virtuoso que aprendeu el so a tocar os instrumentos”, e que sacará a pasear guitarra, mandolina e zanfona: “Don Ramón estaría moi contento con esa música”, e do mosaico de textos, cada un asociado a unha cor. 

Do lume e as tonalidades cálidas da primeira, a butaca irase aos fríos, tocará a auga e acabará co vermello nun final que vaticinan apoteósico. Pola súa parte, os actores farán un exercicio físico e mental importante porque os trocos implican mudar de personaxe en dous minutos. Todo sexa porque Valle soe en galego.

Comentarios