“Os Bolechas” chegan ao Auditorio coas últimas novidades da música en galego

“Os Bolechas” chegan ao Auditorio coas últimas novidades da música en galego
Diario de Arousa-2013-12-12-010-e2e8acae

Os máis pequenos da casa terán o domingo día 22 a oportunidade de reencontrarse cos seus mellores amigos animados, “Os Bolechas”. Estes divertidos personaxes deseñados por Pepe Carreiro desembarcan en Vilagarcía para ofrecer aos máis pequenos a oportunidade de disfrutar da mellor música en galego. Dende a axencia promotora da iniciativa sinalan que “é un espectáculo distinto aos que os nenos teñen visto ata o de agora e será estreado en Vilagarcía”. O certo é que sobre o escenario estarán os títeres dos Bolechas xunto cos actores cun argumento que gustará moito aos pequenos. No Auditorio terá lugar un festival da canción no que os Bolechas queren participar, pero non poden porque son nenos. Ao final conseguen argallar algo que lles permitirá acceder ao festival e interpretar cancións que están soando todos estes meses con moita forza e que son todas elas de grupos ou intérpretes galegos.
Así pois, os pequenos que asistan ao espectáculo poderán vibrar coa música de Eladio y los Seres queridos ou con Álex Casanova. Dende a axencia Bolanda sinalan que “é unha fórmula idónea para levar o galego a calquera ámbito do mundo cultural e, sobre todo, do entretemento e familiarizar aos pequenos con todo iso”. As cancións e temas que se interpretarán durante o espectáculo están recollidas nun libro-disco chamado “Os Bolechas fan unha banda” e que, xunto a outros productos de merchandísing destas personaxes, estarán á venta nun stand do Auditorio xusto despois do espectáculo.
A entrada ten un custe de 12 euros aínda que esta implicará un vale desconto en moitos dos produtos que están á venta no citado stand.
A representación o domingo 22 será a partir das seis e media da tarde. Aparte, e segundo sinalou a concelleira de Cultura, Rocío Llovo, haberá unha sesión especial para os nenos dos colexios que participan na Cabalgata de Reis o sábado 21 ás doce do mediodía. Deste xeito a Concellería de Cultura agasalla aos pequenos que participan na comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar na súa chegada a Vilagarcía con centos de regalos.

“Os Bolechas” chegan ao Auditorio coas últimas novidades da música en galego

Te puede interesar