Carlos Casares será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017

Carlos Casares será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017
El Ideal Gallego-2016-07-10-021-d1186320

O polifacético escritor Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941- Nigrán, 2002) será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017, segundo acordou, en primeira volta, o plenario da Real Academia Galega (RAG), que preside Xesús Alonso Montero.

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Casares foi elixido entre os nomes dunha terna na que tamén estaban Ricardo Carvalho Calero, Prácido Ramón Castro do Río e Antonio Fernández Morales.

Casares é unha das figuras máis singulares e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Prosista en distintos xéneros, o humor, a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un grande recoñecemento do público e da crítica.

Á marxe do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevancia, que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre “cun compromiso inequívoco” coa lingua galega.

A RAG considera que “a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra”, que incluíu a literatura infantil, o periodismo e o ensaio, convérteno “nun escritor especialmente idóneo” para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017.

Remarca que, con toda seguridade, “reforzará o prestixio da lingua e literatura” de Galicia, non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria.

de ourense á literatura

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e, dende os 3 anos, pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a manifestarse xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco.

Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba cultivando o seu perfil literario.

En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos “Vento Ferido”, dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego. En 1968 gañou co relato “A Galiña azul” o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con “Ass laranxas máis laranxas de todas as laranxas”.

En 1975, “Xoguetes para un tempo prohibido” reportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era a esa altura unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da narrativa galega, recoñecida en 1978 co seu ingreso na RAG, onde foi o membro de número máis novo.

Nos anos da Transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e como parlamentario independente nas listas do PSdeG traballou a favor da Lei de Normalización Lingüística (1983).

Finalizada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no campo cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).

A pesar dos seus múltiples compromisos, non abandonou nunca a escritura e seguiu publicando obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos “Os escuros soños de Clío’’ (1979), as novelas “Ilustrísima”, Premio da Crítica Galega de 1982; “Os mortos daquel verán” (1987), Premio Antón Losada Diéguez; e “Deus sentado nun sillón azul” (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998. Tamén “O sol de verán”, publicada póstumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Carlos Casares será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017

Te puede interesar