jueves 26/11/20

Medio Rural impulsa a apicultura con axudas de máis de 600.000 euros

 

Son un total de 603.738 euros a repartir entre catorce beneficiarios. Trátase das axudas que acaba de repartir a Consellería do Medio Rural co obxectivo de impulsar a apicultura galega.

 

O mel galego ten cinco variedades, unha dela multifloral e as outras catro, monoflorais | Aec
O mel galego ten cinco variedades, unha dela multifloral e as outras catro, monoflorais | Aec

Son un total de 603.738 euros a repartir entre catorce beneficiarios. Trátase das axudas que acaba de repartir a Consellería do Medio Rural co obxectivo de impulsar a apicultura galega. Grazas a estes fondos, as empresas e particulares que os obtiveron poderán mellorar a produción e comercialización do mel galego.
A convocatoria ten catro liñas de traballo: a asistencia técnica (só destinada a colectivos), a loita contra agresións e enfermidades da colmea, a trashumancia e as medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.
A través de plans, como este económico, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez afonda na protección da apicultura galega, un sector que ademais do seu poderío empresarial tamén forma parte do patrimonio etnográfico.
E é que o mel constitúe un importante produto alimentario do sistema galego, que conta de especial amparo a través da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia. Esta abarca todo o territorio, así como as variedades que se presentan en Galicia e que se dividen en multiflorais (milflores) e monoflorais (eucalipto, castiñeiro, queiroga e silva). 
Segundo os datos do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida, que é organismo encargado de controlar, amparar e certificar este produto e a súa consonancia cos requisitos establecidos, o mel galego é un produto natural e fresco que se vén producindo de xeito artesanal dende hai centos de anos. Así, sinalan que Galicia goza dun clima especialmente benigno para esta produción, con abondosa choiva ao longo de todo o ano. Ademais, súmase un solo granítico e a influencia de ventos e aires mariños, que dan lugar a unha flora rica e variada, que permite a produción monofloral e milflores.

Máis de 30.000 colmeas
As cifras do Consello apuntan a que na actualidade hai 30.952 colmeas pertencentes a 410 apicultores e con unha produción próxima ás 620 toneladas. Pola súa banda, a listaxe de particulares e empresas certificados na IXP suma 29, encabezadas polas catro da localidade pontevedresa de Lalín. A seguir están as dúas de Lobios e Ourense (Ourense) e as de Arzúa (A Coruña). O resto repártanse entre A Rúa e A Pobra de Trives (Ourense), Taboada, Chantada, A Pobra do Brollón, Burela, Bóveda, Quiroga e O Valadouro (Lugo), Porto do Son, Monfero, A Baña, Santiago, Noia, A Coruña, Frades e Mañón (A Coruña) e As Neves e Vigo (Pontevedra).
Os colmeares galegos son pequenos e déixanse “mimar” polo apicultor, o que permite incrementar a calidade nos procesos de extracción e de envasado do produto. 
De cara a garantir a calidade do mel o Consello Regulador controla todo o proceso dende a colmea ata o punto de venda, con inspeccións periódicas nas explotacións, nas plantas envasadoras e nos establecementos comerciais que a venden, unhas inspeccións ás que se suma tamén a toma de mostras para analizar o nivel de calidade do mel galego. l

Comentarios