A Xunta achega o servizo de axuda no fogar ás persoas máis vulnerables ante a pandemia do coronavirus

A Xunta achega o servizo de axuda no fogar ás persoas máis vulnerables ante a pandemia do coronavirus

Nestes momentos nos que as persoas maiores se ven especialmente castigadas pola situación derivada da pandemia do coronavirus, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que ofrece a Consellería de Política Social convértese en moitos casos nunha única táboa de salvación para este colectivo especialmente vulnerable. Nas semanas máis duras do confinamento as traballadoras deste servizo (na inmensa maioría dos casos son mulleres) foron a única forma de contacto entre o usuario e o exterior para todas aquelas persoas que viven soas.

A soidade, que dende sempre foi a principal inimiga deste colectivo, acentuouse durante os meses de marzo e abril, tanto nas zonas rurais como nas urbanas, polo que unha simple conversa entre usuario e traballador converteuse nun raio de esperanza para os maiores, pechados a cal e canto nas súas vivendas para que a Covid-19 non conseguise entrar. Aínda que dentro deste servizo se presta axuda básica como o aseo persoal, toma de medicamentos ou comidas, entre outros apoios, o contacto directo é o aspecto máis valorado polos usuarios.

Axiña empezan a ter confianza e tras as labores básicas diarias agradecen que alguén os escoite, que lles poidan contar como pasaron a noite, como será a seguinte ou cando poderán voltar a ver aos fillos e netos, como ocurre cando a familia está traballando fóra e non pode ocuparse directamente deles. E, de paso, preguntan polas novas que hai pola aldea, os veciños que levan tempo ser verse, anos incluso cando as distancias son máis longas ou cando a saúde empeza a resentirse polo paso dos anos. Como lle vai ao veciño do piso de enfrente ou o do primeiro andar, en que traballa o neto da súa amiga da infancia e se aínda non casou... Unha retahíla de preguntas ás que sempre atopan respostas con estas traballadoras.

Servizo gratuíto

Aínda que o Servizo de Axuda no Fogar xa viña prestándose en toda Galicia, no pasado mes de marzo cando se decretou o confinamento en todo o país, a Xunta de Galicia creou un SAF extraordinaria destinado á atención a persoas con necesidades asistenciais. Foron asignadas 500.000 horas de coidado a domicilio ao mes para os concellos galegos, un servizo completamente gratuito para o usuario, xa que o importe foi asumido pola Administración autonómica.

Con esta medida complementouse o servizo que a Consellería de Política Social ofrece desde hai anos para axudar a todas as persoas que o precisan. A medida supuxo un investimento de 6 millóns de euros ao mes e o principal obxectivo é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas persoas que non eran usuarias do SAF, pero que si precisan axuda durante esta situación excepcional que nos tocou vivir.

Nos meses en que tanto os centros de día, e os centros sociais e ocupacionais permaneceron cerrados converteuse en imprescindible este tipo de apoio para que non se acelerase o deterioro do sistema cognitivo. Aínda que se trata dun colectivo especialmente vulnerable nesta pandemia, cando existen demencias incluso no seu estado máis precoz é de vital importancia continuar con este tipo de servizos para que non se agudice a enfermidade, de aí a importancia desta iniciativa por parte da Xunta.

Coidados e compaña

O mesmo que ocorre co SAF, estanse sempre a priorizar os casos máis urxentes detectados polo programa de Asignación de Recursos, así como as persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada. A Xunta puxo a disposición dos concellos máis horas das que tiñan para atender a maiores e dependentes, asignado na provincia da Coruña 196.000 horas de servizo, na de Lugo 113.000, en Ourense 69.000 e en Pontevedra, 122.000.

A implantación deste SAF extraordinario é unha das medidas que forman parte do Plan Social de Continxencia da Xunta para dar resposta ás consecuencias que ten a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus nos colectivos máis vulnerables, como son as persoas dependentes.

Concellos, traballadores e usuarios coinciden na importancia deste servizo para axudar ás persoas maiores, sobre todo nestes momentos nos que a pandemia da Covid domina as nosas vidas. Inmaculada Brandariz, coordinadora do servizo no Concello da Laracha, destaca que supón una “grande axuda para o que a familia non pode”. Porque ademais de ser algo esencial para as persoas que viven soas, tamén é un complemento para as familias que non son capaces de facerse cargo por si mesmas e precisan algún tipo de apoio. E aparte dos apoios para os coidados básicos, “o acompañamento” é sempre imprescindible neste labor, segundo subliña Inmaculada Brandariz, quen destaca o “clima afable e familiar” que se xenera sempre nestes casos.

Amelia Pedreia Mallo, una veciña do núcleo de Formigueiro, en Vilaño, no municipio da Laracha, forma parte dunha longa lista de usuarios que precisa axuda para a súa vida diaria. Ela, aínda que vive coa súa filla María Pilar e o seu xenro, ten a mobilidade moi reducida, pero a súa mente está máis que lúcida. Aos achaques típicos dos 86 anos, que ninguén o diría, súmase a vertixe que agora padece, polo que necesita axuda cando a súa filla está traballando. Amelia está encantada coas auxiliares que a atenden, que xa parecen ser una parte máis da familia. Con elas conversa cada día e non deixa de preguntarlles sobre todo o que sigue acontecendo nestes tempos de pandemia.

Axuda imprescindible

Para que a relación sexa máis fluida entre ambas partes, a empresa que xestiona o servizo trata de buscar o persoal dentro do propio termo municipal, segundo explica a concelleira de Servizos Sociais da Laracha, Rocío López. Así, créase un clima de “máis familiaridade porque poden falar de cousas coñecidas”, engade a concelleira, que tamén valora de forma moi positiva este servizo de axuda no fogar. Non obstante, esta relación vese tristemente coartada cando os usuarios presentan doenzas máis graves, sobre todo cando sufren algún tipo de demencia e un importante deterioro cognitivo.

Rocío López destaca que se antes xa era imprescindible o SAF, co confinamento volveuse aínda máis se cabe, polo que neste municipio “atendeuse a todo o mundo que o pediu”, sempre dentro dos baremos que se establecen desde os Servizos Sociais. Porque a tramitación desta axuda faise dende os propios concellos a través dos traballadores sociais. E logo a Xunta é a encargada de adxudicar o servicio, dependendo dos diferentes graos que presenta cada usuario.

No municipio de A Laracha o SAF conta cuns 150 usuarios. Aínda que a inmensa maioría xa o eran antes do confinamento, nestes momentos hay 15 persoas beneficiarias desas novas horas que se aumentaron a raíz da pandemia completamente gratuitas, dentro do Plan de Continxencia da Xunta.

O Servizo de Axuda no Fogar é unha prestación á dependencia na que participan a Xunta, financiando a maior parte do custe que ten o servizo, e os concellos, como responsables da súa xestión e contratación. Trátase dun programa que busca dar apoio nas actuacións levadas a cabo no contorno das persoas relacionadas coa atención persoal, que permitan ao usuario a realización das actividades básicas da vida diaria, así como atencións de carácter doméstico e do fogar coa finalidade de incrementar a súa autonomía persoal e calidade de vida, posibilitanto a permanencia no seu domicilio. E na maioría das veces, o acompañamento como principal fin. l

A Xunta achega o servizo de axuda no fogar ás persoas máis vulnerables ante a pandemia do coronavirus

Te puede interesar