sábado 5/12/20

A Xunta loita contra o acoso sexual nos lugares de traballo cunha campaña de prevención

A Xunta de Galicia ten en marcha unha campaña para previr o acoso sexual nos lugares de traballo. En colaboración coa Unión Profesional de Galicia, que agrupa a 40 colexios profesionais, e Asociación Galega de Auditores Socio-Laborais

 

A Xunta de Galicia ten en marcha unha campaña para previr o acoso sexual nos lugares de traballo. En colaboración coa Unión Profesional de Galicia, que agrupa a 40 colexios profesionais, e Asociación Galega de Auditores Socio-Laborais (Agaxen), a campaña permitirá chegar aos máis de 70.000 colexiados agrupados na Unión Profesional e, entre outras medidas, implicará a distribución de 35.000 trípticos con información sobre o acoso sexual no ámbito laboral.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero do CGPJ, María Ángeles Carmona Vergara; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o presidente de Unión Profesional, Antonio Macho Senra; o presidente do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, Martín Bermúdez de la Puente, e a responsable da Asociación Gallega de Auditores Socio-Laborales, María Ángeles García Pérez estiveron presentes na firma do convenio, que volve situar a Galicia á cabeza en medidas pola igualdade real entre homes e mulleres e na loita contra a violencia de xénero. 

Mulleres
O proxecto pretende que os colexiados profesionais de Galicia sexan embaixadores da loita contra o acoso sexual, unha manifestación máis da discriminación, neste caso no ámbito laboral. Porque son as mulleres as que nun 95% dos casos sofren acosos sexual no traballo.
Rueda recordou no acto de presentación da campaña que a prevención do acoso é unha das medidas que se inclúen no Pacto Estatal contra a Violencia de Xénero e insistiu na necesidade de implicar e concienciar a traballadores, empresas, axentes sociais, institucións e a toda a cidadanía en xeral nesta loita.
O artigo 7 da Ley de Igualdad  especifica que “constitúe acoso sexual calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual, que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea un contorno intimidatorio, degradante ou ofensivo”. Partindo desta base, a campaña da Xunta deixa claro que o acoso sexual pode realizarse tamén a través das novas tecnoloxías. É violencia dixital aquela agresión que se realiza a través das novas tecnoloxías, mediante redes sociais, correos electrónicos, dispositivos móbiles ou ordenadores. Unha nova modalidade de acoso que se suma ás xa coñecidas e contra as que loita a Administración autonómica.
No proxecto apúntase que as responsabilidades das empresas nesta tarefa  son claras: dar cumprimento ao mandato legal de previr o acoso sexual; negociar un protocolo de prevención ante calquera tipo de acoso; establecer un procedemento de denuncia; crear unha comisión de acoso que vele por un contorno libre de condutas susceptibles de vulnerar a dignidade das persoas; crear unha cultura de empresa que non tolere comportamentos violentos; e establecer normas e valores contrarios a calquera tipo de acoso.

Premisas
Para previr situacións de acoso sexual as empresas deben ter ferramentas de actuación e premisas nas que basearse, como identificar que situacións son susceptibles de seren consideradas acoso sexual; coñecer o procedemento para activar o protocolo; esixir un contorno libre de acoso sexual; ou informar a dirección da empresa ou a representación social da existencia de comportamentos que atenten contra a dignidade. O acoso non é unha patoloxía e non denuncialo pode ter consecuencias graves para a saúde da vítima e doutras posibles vítimas.
Na loita contra o acoso sexual no ámbito laboral é imprescindible recibir a información necesaria para poder previr e evitar comportamentos discriminatorios, así como aber a onde acudir e como obter axuda. 
A Xunta lembra na súa campaña de tolerancia cero co acoso sexual no ámbito laboral que as entidades empregadoras teñen a obriga de previr e actuar ante o acoso e a falta de prevención e actuación ante unha situación deste tipo é un incumprimento moi grave. As traballadoras e traballadores  deben esixir un compromiso para garantir o dereito a queixarse “sen represalias”.

Comentarios