Tanxugueiras fanse profetas na terra sen fronteiras

Tanxugueiras fanse profetas na terra sen fronteiras
O grupo cativou ao público ribeirense coa súa actuación | Chechu Río

Nun Malecón ribeirense ateigado de xente de tódalas idades desde moitos minutos antes da medianoite do domingo ao luns actuaron as cantareiras que nestes intres son as máis afamadas do panorama mundial: Tanxugueiras. Foi a actuación estelar do festival Rock and Dorna, dentro da programación da Festa da Dorna, e a aguiñense Aida Tarrío e as irmáns Sabela e Olaia Maneiro non defraudaron, dando sobradas mostras do seu talento, afinación e virtuosismo vocal para reinterpretar a música tradicional galega, da que en agosto de 2016, cando aínda estaban dando os seus primeiros pasos, xa deron boa conta nas actividades da asociación Tahume na feira Artemar, aínda que nos últimos tempos deron un paso máis na súa imparable consagración ao fusionar os sons desa tradición milenaria con ritmos urbanos, máis achegados á electrónica e ao trap, cos que cautivan á xente por onde van.


Onte saltaron ao escenario pisando moi forte, como o fixeron no Benidorm Fest, no que se gañaron o respeto e a admiración do público. Naquela ocasión, os ribeirenses as seguiron pola pantalla de televisión, incluso unha ben grande que a propia Real e Ilustre Cofradía da Dorna instalou no treito peonil da Avenida Rosalía de Castro, á altura da Rúa Alcalá Galiano, e na que, pasase o que pasou, foron as gañadoras morais do festival para elixir á representación de España en Eurovisión. Onte foron profetas na súa terra, entre as aclamacións do numerosísimo público, que era tan amplo que a elas lles custaba ver onde estaban os máis alonxados, pero cun “boas noites, Ribeira” e enfundándose as camisetas dalgunhas peñas dorneiras acadaron que todos estiveran máis preto delas, e viceversa. Aos que estaban máis separados do escenario tamén lles resultaba complicado velas no escenario, pois semellaba estar algo baixo. Pero, as pantallas instaladas no Malecón para seguir a retransmisión vía streaming axudaron a aliviar esa dificultade. Tampouco faltaron outros guiños á Festa da Dorna e ao colectivo LGTBI+, ondeando a súas bandeiras.


Ese ambiente de proximidade tamén se conseguiu na interpretación de temas como “Averno”, “Figa”, “Pano corado”, “Seghadoras”, “Terra” ou “Midas”, título que da nome a súa xira por toda a xeografía española e que mañá as levará ata a localidade murciana de Cartaxena para actuar na 27ª edición do festival “La Mar de Músicas”. O público, incluídos os máis cativos, fixéronlle os coros e aplaudiron con forza para que lles chegase o seu calor nunha noite que para moitos foi memorable e non poderán borrar dos seus recordos nin das retinas. Se houbera que poñerlle un pero ao concerto ese sería que ao público soubolle a pouco a hora e vinte minutos da actuación, aínda que xa están espectantes por coñecer o seu novo traballo, “Diluvio”, que saídá a venda o 29 de xullo.

Tanxugueiras fanse profetas na terra sen fronteiras

Te puede interesar