Os actos das Letras renóvanse con honras a Casares, Pondal, Cabanillas e a Plácido Castro

Os actos das Letras renóvanse con honras a Casares, Pondal, Cabanillas e a Plácido Castro
O concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, na presentación do cartel | g. salgado

O programa cultural co que o Concello de Cambados quere celebrar o Día das Letras Galegas deste ano trae novidades. Xirará sobre catro piares para homenaxear non só ao autor recordado neste 2017, Carlos Casares, senón que a confluencia de diferentes efemérides servirá para lembrar, a maiores, a Plácido Castro, Ramón Cabanillas e a Eduardo Pondal.

Neste 2017 cúmprese o centenario da morte desta última figura, o poeta cuxa obra “Os Pinos” deu texto ao Himno Galego. Con tal motivo, o 2 de xuño o auditorio municipal de A Xuventude acollerá a presentación do proxecto audiovisual “O Himno”, de Andrea Pousa.

O cincuentenario do pasamento de Plácido Castro, tradutor e literato moi vinculado a Cambados, conmemorarase o 17 de xullo, nun acto promovido pola Fundación que leva o seu nome e no que o Concello tenta implicar a persoas que o coñeceran en vida para compartir unha visión máis persoal da súa figura.

Este 2017 significa tamén o centenario da publicación “Da Terra Asoballada”, de Ramón Cabanillas, e con iso arrancará hoxe mesmo a programación. Ás 20:30, en Exposalnés, o profesor e escritor Xosé Manuel Millán Otero falará sobre o autor e a obra a recordar.

Actos centrais
O 15 de maio, ademáis, nunha das xornadas de maior actividade, de 17 a 20 horas farase una lectura continuada na Calzada da obra citada, tomando a palabra representantes de diferentes colectivos cambadeses. Antes, a mediodía e no mesmo escenario, terá lugar a tradicional ofrenda floral e poética dos centros de ensino con motivo das Letras, pechando o acto o cántico do Himno Galego. Outras das novidades será que a cita da mañá concluirá por primeira vez cunha representación teatral, con espectáculo “Canta Connosco!”, de Migallas Teatro.

Escultura
O propio 17 de maio inaugurarase a mediodía a exposición de esculturas da Escola de Canteiros de Poio, acto incluido nos previstos pola declaración de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017. A Banda de Castrelo dará o seu concerto das Letras ás 13 horas no auditorio.
A entrega do Premio Cabanillas (3 de xuño), presentacións literarias, teatro (“A Man da Santiña”, de Cabanillas, o 4 de xuño na Xuventude) e exposicións completan un cartel do que o concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, salientaba tamén onte a aposta por achegar parte do programa ás diferentes parroquias. Deste xeito, entre o 15 e o 19 de maio, a partires das cinco e media da tarde, sucederanse actividades nas súas casas de cultura incluidas no “Gran Xogo das Letras Galegas”, da man de Eduvía Educación, todo inscrito á súa vez no plan autonómico “Ler Conta Moito”.

Os actos das Letras renóvanse con honras a Casares, Pondal, Cabanillas e a Plácido Castro

Te puede interesar