Andrés Otero | “Aos que veñen preguntar canto se cobra, dígolles que o dobre que o xefe: Nada de nada”

Andrés Otero | “Aos que veñen preguntar canto se cobra, dígolles que o dobre que o xefe: Nada de nada”
Otero, onte, nun vehículo de emerxencias da Agrupación de Voluntarios | mónica ferreirós

Andrés Otero foi elixido esta fin de semana, de novo, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribadumia. Formado como bombeiro profesional, leva 21 anos, desde o mesmo comezo do colectivo, á fronte del. A súa vida está ligada ao voluntariado de emerxencias. Os Radioafeccionados do Salnés fundaran a Agrupación de Vilagarcía e el, pegado aos transistores desde os 19 anos, foi un dos socios fundadores. Logo estivo dous anos en Protección Civil de Cambados, antes de formar parte do grupo que puxo en marcha o proxecto en Ribadumia.


Otero pensaba agora nun relevo e mesmo semellaba que ía haber candidaturas, aínda que, finalmente, os aspirantes decidiron non presentarse. Cun só voto en branco e dúas ausencias, foi novamente elixido por abrumadora maioría para continuar, no mandato que, unha vez chegue á súa fin, celebrará as vodas da prata da Agrupación e do seu presidente no mando. Ao seu carón, seguirán na directiva Luis García como vicepresidente, Cristina Soutullo como secretaria, Montserrat Varela como tesoureira e de vogais, José Ángel Torres, Isidoro Solla, Miguel Ángel Martínez e Manuel Dopazo.

Ao final convencérono para seguir outros catro anos.
Si. Eu quería que alguén collese o relevo. Pero os compañeiros xa me dixeron: “Ti xa sabes como vai isto”. Como dicía o outro: “O xefe nalgúns lados é o que manda, aquí é o pringado” (rí).

Como foi aquel inicio?
Pois hai xa diso dúas décadas. Cando marchamos de Protección Civil de Cambados, daquela Rafael Louzán aínda era vicepresidente da Deputación e foi el o que nos animou: ‘Veña, dádelle para adiante, montamos aquí tamén’. Así empezamos.

Eran moitos, daquela?
Entón, uns 20. Agora mesmo somos 42. Xa desde hai dez anos para acá mantémonos nese número. Algúns vanse, outros entran e hai quen leva comigo 21 anos, tamén.

Cambiou moito o servizo de Protección Civil nestas dúas décadas?
Sí, moitísimo. Ao principio, sen medios ningúns, faciamos uns traballos bestiais. Nos comezos iamos a incendios forestais, a todo canto había... Por exemplo, agora dos lumes cubrimos pouco, unicamente se toca a carón dunhas casas ou así. Senón, hai persoal cobrando para iso. Ademáis, aquí en Ribadumia temos aos Bombeiros tamén. Así que ese traballo si baixou.

En medios tamén houbo cambios?
Moito. Temos bastantes máis. Aínda esta semana pasada nos deu a Xunta un remolque de emerxencias. Todo axuda.

Como é a carga de traballo en Protección Civil de Ribadumia?
É raro que non teñamos algo que facer todos os días. Hai veces que ao mellor non hai moito, pero incluso se non hai emerxencias, sempre hai algún traballo para para o Concello, Servizos Sociais...

E máis a velutina, que iso si que está a marear, non?
Buf! Iso veu como unha carga extra!


Medrou moito nestes anos ese problema?
Moitísimo. Unha animalada. Afortunadamente agora a Mancomunidade do Salnés ten un camión-grúa e xa nos bota unha man moi grande. Aínda que isto, a verdade, multiplícase dun xeito bestial. Casualmente hai unha hora tiven unha chamada dunha veciña por un niño nun laranxeiro na horta. Xa digo que algo así, é raro o día que non o teñamos.

Para a xente que teña interese en saber máis de Protección Civil ou comezar na Agrupación, por onde se empeza?
Voluntario pode ser calquera. Non é preciso ter unha forma física, hai diferentes traballos que se poden asignar a cada un. Así que nada, pasarse pola base e falar con nós.

Logo vén a formación, non?
Si. Aquí, recibímola gratis. A maioría dos cursos imos facelos á Academia Galega de Seguridade, pagados pola Xunta. Todos estamos formados e aquí estase sempre pendente da celebración dos cursos básicos, para quen queira incorporarse. Fanse en fin de semana, así que non se perde de traballar.

Pero coido que non está de máis lembralo: Isto é unha labor voluntaria...
Claro. Eu, por exemplo, traballo en Pontevedra. E coma min, moitos compañeiros. Cada un ten a súa profesión, outros están xubilados, outros veñen cando poden... Así é como imos capeando o temporal

... porque seguro que moita xente cre que cobran por este labor.
Ah, claro! Xa non é o primerio que vén a interesarse e pregunta: ‘Ben, e canto cobrades?’ Eu explícolles: ‘Mira, ti se entras aquí vas cobrar o dobre que cobra o xefe’. E aínda din, ‘non, ho. Máis que o xefe, tampouco’. Entón dígolles: ‘Si, mira, o xefe non cobra nada, así que ti, nada de nada’.

Iso de ser voluntario, entón, ten algo ou moito de vocacional?
Pois mira, na miña familia, miña muller é voluntaria e miña filla maior, tamén. E aínda por riba a carreira que sacou é de traballadora social. Así que, xa che direi.

Andrés Otero | “Aos que veñen preguntar canto se cobra, dígolles que o dobre que o xefe: Nada de nada”

Te puede interesar