Cambados renova a fachada marítima

Cambados renova a fachada marítima
Diario de Arousa-2015-05-17-013-5dc6a0cf

O Goberno local de Cambados pretende renovar case por completo a fachada marítima da localidade cunha serie de actuacións encamiñadas a abrir a vila ao mar e a dar máis servizos aos veciños. Deste xeito, xa comezaron os traballos de demolición da antiga lonxa onde se ubicaba a sede de Protección Civil, que continuarán co derrubo dunha vivenda particular inhabitable dando paso á explanación e acondicionamento da zona antes de comezar a construcción do novo mercado de abastos. Sobre a superficie explanada vaise edificar a praza, que suporá un investimento de case 4 millóns, con intervención do ministerio de Fomento, consellería de Industria, Deputación de Pontevedra, Portos de Galicia e Concello.
O derrubo posterior do mercado actual deixará expedita unha grande praza pública lindante coa avenida de Galicia, a principal arteria comercial de Cambados. O aparcamento máis cómodo para os usuarios da nova praza será a illa das Goritas, onde se prevé habilitar axiña máis de 100 novos espazos de estacionamento.
O goberno local recoñece que algunhas actuacións sufriron retrasos como consecuencia das reduccións orzamentarias, ou as lóxicas dificultades que supón poñer de acordo a cinco administracións como foi o caso da nova praza de abastos.
Un dos maiores esforzos, según indican desde o Concello, centrouse na reforma de centros educativos e instalacións deportivas, como aconteceu nos colexios de Vilariño, Castrelo, Magariños e San Tomé, ademais da gardería municipal que renovou a súa cuberta.
O Centro de Día é outra actuación fundamental para manter a aposta polos servizos sociais e que incidirá na conciliación da vida familiar coa actividade laboral. As familias poderán contar cunhas modernas instalacións para acoller ás persoas da terceira idade que non dispoñan de atención específica nos seus respectivos domicilios. O centro disporá de corenta prazas para as persoas maiores que as requiran, os cales tamén contarán con transporte para achegalos.
A edificación, dunha planta, ocupa unha superficie útil de 427 metros cadrados, e queda dividida en cinco partes diferenciadas según o uso a que se destina: área de recepción; área de actividades (sala polivalente, rehabilitación, enfermería, tres baños e comedor); zona de descanso; área administrativa, e servizo para persoal. A área máis grande do edificio é a de actividades con preto de 200 metros cadrados.
En infraestruturas deportivas estase concluindo a renovación do primeiro campo de fútbol do complexo do Pombal, que se dotou dunha nova grada e de novo céspede artificial.
Neste proxecto inclúese a renovación do pavillón do IES Ramón Cabanillas, onde se construiu unha grada e se instalou unha nova superficie para mellorar a práctica deportiva. Estas actuacións conlevan un investimento de 800.000 euros.  
Tralos novos e amplos espazos de aparcamento habilitados na proximidade das igrexas de Corvillón e Castrelo, o esforzo inversor céntrase nas áreas recreativas, como as xa habilitadas en Vilariño e Corvillón –esta en plena fase de renovación total- que vai ter continuidade en Castrelo, onde van comezar os traballos para a instalación dunha gran área de lecer dotada de parque infantil e aparatos biosaudables. Oubiña xa conta co novo parque infantil con solo de caucho antiimpactos.
Nos centros escolares tamén procederon á renovación da cuberta do colexio de Vilariño, cerramento e vestiarios do pavillón de deportes en Castrelo, novas ventás na escola infantil da Modia, así como a renovación da pista deportiva no colexio de Corvillón.

Cambados renova a fachada marítima

Te puede interesar