Carlos Iglesias: “Co Plan de Mobilidade Sostible imos modular un pobo diferente”

Carlos Iglesias: “Co Plan de Mobilidade Sostible imos modular un pobo diferente”
Diario de Arousa-2019-05-19-015-cbad83df

Carlos Iglesias preséntase nas listas do PSOE de A Illa por terceira vez, a segunda como alcaldable. Veciño da Ribeira de O Chazo, de 38 anos, licenciado en Dereito, concorre ás eleccións rodeado nos postos de saída da lista polos mesmos homes e mulleres que conformaron este seu primeiro goberno local. 

Repiten todos arriba na lista. É sinónimo iso dun calificativo de dez ao seu traballo nestes anos?

Van todos, si. O grupo de goberno fora completamente renovado no 2015. Neste tempo, os proxectos das diferentes concellerías fixéronse con todo o cariño do mundo para os veciños e temos outras ideas que queremos desenrolar, coa súa participación. Iso si, hai que contar con que se baixa de trece a once edís.

Xustamente, ao baixar de concelleiros, pode ser que algún deles quede finalmente fóra. En todo caso, é posible recuperar a categoría, cun aumento de poboación?

Lamentablemente, perdémola ao encadear tres anos por debaixo, moi pouquiño, dos 5.000 habitantes. Tentaremos recuperala, pero sobreviviremos, porque tendo esta mesma categoría tamén se fixeron cousas. Lembremos que desde que nos segregamos de Vilanova só en un dos cinco mandatos estivemos con trece concelleiros. 

Pero é posible seguir a medrar, coas vías xudiciais xa esgotadas na loita pola singularidade?

Son máis de vinte anos de loita, pero nós non damos a batalla por perdida. Si, nos últimos pleitos non tivemos sorte, pero si tivemos unha sentenza favorable para rebaixar a liña de afectación en O Cabodeiro: Frente a Lei de Costas, vencemos puntualmente. Contra o POL da Xunta, non. Pero o POL é un documento aprobado por unha administración pública. E tal como foi aprobado, pode ser modificado ou eliminado. Así que loitaremos para devolverlle aos veciños as máis de 70 hectáreas que nos restrinxiron. 

E o turismo? Comeza a ser un problema en A Illa? Por exemplo, cos atascos na ponte cada verán? 

É certo que ás veces esa presión se fai un pouco costa arriba. Tamén pola nosa orografía, porque somos un pobo de sete quilómetros cadrados, cunha única entrada e saída. Esa é unha das razóns polas que elaboramos o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que acadou unha subvención europea. Con el imos traballar para modular un pobo un pouco diferente, no que priorizar ao viandante, bicicleta e transporte público fronte ao vehículo particular. Na primeira fase proxectamos un parking disuasorio en O Bao e estacións de bicicletas eléctricas, coa idea de que se deixen alí os coches. Na segunda fase, falaremos do autobús urbano.

A oposición criticou a inversión municipal no Atlantic Fest en comparación coas festas tradicionais. É suficiente a aportación nas festas? Redunda en A Illa o festival?

No mandato 2011-2015 a asignación municipal para o Carme era de 8.000 euros. Actualmente é de 15.000. Concedéuselle ata onde se nos pediu. Se hai un pouco máis de inversión no Atlantic Fest é porque ten carácter internacional co que, si, ten unha reversión importante no pobo. Realmente a diferenza non é tan grande como quere facer ver o PP, é unha cifra acordada xa no anterior mandato, que se mantivo. E nunca a ocultamos. Por iso non entendo o porqué agora da crítica. Tal vez se use por motivos políticos. Porque tamén anda o Bloque falando de que non hai transparencia, o que me parece moi raro, xa que o presuposto se aprobou sempre cos seu voto favorable.

Se falamos de logros do mandato están as casas modernistas en marcha, a transformación do entorno do centro de saúde en As Laxes, a propia reforma do ambulatorio...

...humanizacións como o cambio de todo o paseo da Ribeira de O Chazo, a recuperación da fronte marítima de O Regueiro, a Praza de O Charco... A propia aprobación do PMUS do que falabamos. E tamén o Programa de Enerxías Limpas para as Illas Europeas. O noso plan foi seleccionado xunto co de outras catro illas españolas (Ibiza, Mallorca, Menorca e La Palma) no medio de máis de dúas mil illas europeas habitadas, para o paso cara un modelo de enerxías limpas. O obxectivo é que no 2020 teñamos un proxecto que poidamos presentar para que a UE vexa cales son os que se poden subvencionar. E no 2030 ter pechada unha axenda de medidas para o cambio enerxético.  

Nos vindeiros anos, vai ser esa aposta pola nova mobilidade e o cambio de modelo enerxético o máis relevante a desenrolar?

Todo iso e máis a consecución dos terreos para o pavillón. A zona deportiva prevista no PXOM é en Testos: Temos que conseguir o chan negociando cos propietarios. Hai que acadalo no vindeiro mandato.

Carlos Iglesias: “Co Plan de Mobilidade Sostible imos modular un pobo diferente”

Te puede interesar