Sábado 25.05.2019

Carlos Viéitez: “Valoro o feito neste mandato, pero non comparto o xeito de traballar”

Candidato do PP de Meaño

Xuíz de paz durante máis dunha década e técnico na Mancomunidade, decidiu dar o paso de poñerse á fronte dos populares meañeses. O obxectivo é tentar manter a maioría absoluta logo da división evidenciada no grupo e tras a renuncia da actual alcaldesa a ser de novo número un.

O alcaldable popular, coa escolla do valor principal en política | MÓNICA FERREIRÓS
O alcaldable popular, coa escolla do valor principal en política | MÓNICA FERREIRÓS

Carlos Viéitez é ben coñecido en Meaño por exercer de xuíz de paz preto de doce anos, ata hai uns días, cando que renunciou “por ética” ao presentarse a alcalde. Veciño de Xil, de 51 anos, técnico na Mancomunidade do Salnés, é a aposta do PP para manter a maioría absoluta e sustituir a Lourdes Ucha, despois de meses nos que se evidenciou o enfrontamento interno, incluso, co voto dividido do goberno popular no Pleno. 

Como é que decide dar o paso desde a xestión na administración á primeira liña política?

Tras a renuncia da actual alcaldesa a ser candidata, buscouse alcaldable. Eu coñecía á veciñanza debido á miña labor coma xuíz de paz. E tiña tamén experiencia na administración local. Por iso creo que podía aportar algo aos veciños.

A renuncia de Lourdes Ucha, foi algo convulso no partido? Tendo en conta que primeiro anunciara que quería ser a candidata e, finalmente, decidía dar un paso atrás.

Esa parte descoñézoa. Eu podo falar a partir da decisión que tomei en xaneiro para liderar esta candidatura. Un paso de moita responsabilidade, pero ao tempo de ilusión.

De número dous a súa candidatura incorpora a Ramón Tilve, un edil veterano. O anuncio da súa inclusion na lista foi xusto despois de que se soubese que fora agredido no seu cargo de edil. A elección tivo que ver con ese episodio?

Non, estaba tomada antes.

E a condena a esa agresión fixérona todos os partidos, aínda que de xeito diferente. Veu vostede respaldo de parte de todos?

Houbo unanimidade por tres grupos. Os Independentes fixeron unha nota unilateral, non firmaron, digamos, a oficial. 

Pero entenden que foi unha resposta suficiente por parte de MI?

Esa é unha valoración que teñen que facer eles e o pobo, non eu. 

MI naceu con descontentos próximos ao PP. Explorouse a converxencia, agora que tanto se fala de reunificar a dereita?

Con anterioridade a dar este paso, houbo uns intentos de unificar. Pero non se chegou a acordo e, a partir de aí, tomouse a decisión de que, cada un, por separado. 

E neste panorama de novo co voto conservador dividido, o PP local está en condicións de revalidar a maioría absoluta? Ou serán unhas eleccións complicadas?

O equipo que teño é do que estou máis orgulloso. Por iso estou convencido de que imos revalidar a maioría absoluta.

Como valora este mandato?

Eu valoro positivamente e respeto o traballo realizado, pero non comparto a forma de traballar. 

Que cambiaría, entón?

Se consigo ser alcalde, hai uns obxectivos inmediatos: O Concello ten que ser aberto a todos os veciños, que son os que coñecen as necesidades. E o que hai que facer no goberno é intentar resolverllas. Hai que ter proximidade e diálogo. 

Cre que foi iso o que faltou?

Si. Por iso a forma de gobernar, cámbioa completamente. 

Cales son as principais ideas do seu programa?

Pódense resumir en tres obxectivos: Facer un Concello aberto á cidadanía, traballando con eles como un veciño máis; ofrecer mellores servizos públicos e deseñar intervencións estratéxicas de futuro, para impulsar o desenrolo na vila. 

Por exemplo?

A mellora inmediata dos Servizos Sociais. Quero duplicar o número de prazas do centro de día e incluso un novo, en Dena, ademais de poñer gratis a maioría de actividades para os maiores. Logo queremos un servizo permanente de limpeza e mantemento no rural, crear un plan de mellora de seguridade viaria, un programa de asfaltados de pistas e un servizo de transporte parroquial... O que quero é que o rural teña os mesmos servizos que o casco urbano. Tamén habería un programa de actividades para nenos, mozos e maiores. E, por suposto, solventar o problema de espazo da Banda de Música. De xeito inmediato, mentras non se desenrole e constrúa o edificio multiusos, imos panelar o escenario con cristal e acondicionar o aire.

E onde proxectan ese multiusos?

Valoramos Dena. Aí temos un gran proxecto pensado. Queremos potenciar o turismo, a industria e que Dena sexa o centro neurálxico do comercio. Temos que tentar que os miles de vehículos que pasan, paren. Por exemplo, con eventos culturais. Para iso faremos aparcamentos, un centro para o campo das festas e desenrolar aí o multiusos e ese novo centro de día.

Na pizarra

Á cuestión de que valor político elixir para esta conversa, o candidato popular escolle a súa palabra para a pizarra ao indicar que “a conclusión á que estou a chegar é que o maior potencial que ten o concello de Meaño son os seus veciños”. El mesmo se confesa “moi orgulloso de ter nacido e medrado en Meaño” e de facelo “mantendo os valores de honradez, esforzo, honestidade, traballo e humildade que me transmitiron desde que era moi neno”. Sen considerar excluínte o requisito de ter nacido na vila para gobernala, si o considera un valor engadido. 

Mañá en O Salnés, entrevista a: David Mochales, candidato do BNG en A Illa de Arousa

Comentarios