Catalina González: “Coa crise olvideime de estar cos veciños. Un erro que non volvería cometer”

Catalina González: “Coa crise olvideime de estar cos veciños. Un erro que non volvería cometer”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-7e50ddaf

Catalina González (Portonovo, 1965) preséntase as vindeiras eleccións municipais baixo as siglas Xuntos por Sanxenxo e coa bagaxe de xestionar o Concello de Sanxenxo durante oito anos. Á volta a vida de autónoma, como redeira e hostaleira, faille “ter moi claros os problemas reais dos veciños” neste regreso á política.

Xoga con vantaxe unha exalcaldesa de Sanxenxo nas vindeiras eleccións municipais? 

Por suposto, á hora de ter o Concello na cabeza e saber as necesidades e proxectos que quedaron pendentes. E, dende logo, a experiencia de gobernar nos peores anos da crise que se recorda en Sanxenxo e  saber que hai que facelo con moito sentidiño e mirando moito cada euro que se gasta. Os resultados dos oito anos de goberno de Catalina están aí para ver: Reduciuse moito a débeda e axustouse o gasto corrente aos ingresos que estaba completamente disparado.
 
Repetiría, entón, con Xuntos por Sanxenxo o seu modelo de xestión?

A ver todos cometemos erros porque somos humanos, pero iso tamén serve para aprender. E a volta ao traballo como autónoma ensinoume que quizáis durante oito anos absorbéronme demasiado as necesidades do Concello e os problemas que en plena crise nos caían de todas partes e esquecinme de estar na rúa coa xente. Creo que ese é un erro que non volvería cometer. 

No seu anuncio de volta á política, asegurou que un dos motivos que o impulsaba a facelo era a recuperación do posicionamento turístico da marca Sanxenxo. Como o vai facer? 

Sanxenxo en plena crise levaba una carreira imparable saltando xa do territorio galego e nacional e tendo moita presenza en Francia, nos medios de comunicación a través da vela e a meter o pé en Reino Unido a través de Cornualles. Hai que seguir esta liña, como fixemos xa no seu momento cos destinos de proximidade. En catro anos a marca Sanxenxo abandonouse completamente, optouse pola marca O Salnés que está moi ben, pero a nosa non a podemos abandonar.

Cales son as liñas principais nas que se basea o programa de Xuntos por Sanxenxo? 

O programa de XXS é moi claro: Nacemos para ocuparnos da xente. Somos un equipo de persoas que temos moi claros os problemas diarios que teñen os cidadáns e as dificultades para chegar a fin de mes. Non se pode poñer en perigo a atención aos nosos nenos e aos nosos maiores. Queremos crear un punto de encontro para as familias en Vilalonga no futuro centro social. Tamén cremos nun modelo de crecemento de cidade propio nas distintas vilas de Sanxenxo e nos que poida participar a cidadanía. Temos un plan para cada unha delas e o proxecto para desenvolvelo.

Se o 26 de maio resulta elexida alcaldesa de Sanxenxo, cales serían as medidas máis inmediatas a adoptar?

O primeiro que faría sería sentarme co persoal de Terra de Sanxenxo e coñecer de primeira man qué competencias teñen e poñer en funcionamento aos equipos. Un goberno non fai nada se non ten comprometidos e motivados aos seu traballadores que son os que fan as cousas. Tamén me reuniría cos distintos colectivos e comunidades de montes escoitar as súas necesidades. O emprego é outra das liñas inmediatas nas que empezaríamos a traballar cun plan para cada vila. No caso de Sanxenxo é máis sinxelo porque conseguiu situar o comercio como segunda actividade, pero tamén temos ideas para Vilalonga e Portonovo. Estamos elaborando tamén un listado coas deficiencias nas distintas parroquias nas que empezaríamos a traballar tamén de inmediato se chegamos ao goberno.

Na creación de emprego en Sanxenxo, que papel cre que xogará o polígono de Nantes, recentemente recepcionado?

O polígono de Nantes é nestes momentos un marrón para os veciños e que vai ter un custe moi alto. Non sei se nestes momentos había outra opción distinta ao rescate, pero o que si sei é que como se fixo a recepción poderiase ter feito hai seis anos porque o saneamento está a medias. Non está instalado o colector do proxecto  de urbanización que deberá pasar por uns terreos privados doutro concello. O polígono de Nantes ten aínda moitos frentes abertos.

Ten Xuntos por Sanxenxo algunha liña vermella para posibles pactos con outras formacións políticas? 

Os políticos estamos ao servizo dos veciños e se non te dan a maioría absoluta debes pactar con quen queiras, pero sempre para conseguir un goberno estable.

Nesta ocasión concurren as eleccións municipais catro formacións de centro dereita, que aporta e distingue a Xuntos por Sanxenxo dos outros partidos?

Creo que os veciños teñen que fixarse máis nos feitos que nas palabras. Os integrantes de Xuntos por Sanxenxo son persoas que teñen os mesmos problemas que calquera veciño do municipio e coñecen de primeira man as súas necesidades. Os veciños deben tamén fixarse na experiencia da candidata.

Na pizarra

A candidata de Xuntos por Sanxenxo elixe a “honestidade” como un valor político co que se identifica e ratificao subliñando a palabra ata tres veces na pizarra. González realizou tamén un alegato final na entrevista: “Gustariame dicirlle aos veciños de Sanxenxo que o voto é libre e secreto. Despois de moitos anos de  experiencia, o maior compromiso témolo coa familia, os veciños e o territorio no que vivimos. Todo o demais é variable e estanse a ver moitos cambios a nivel nacional. Pediría que a xente meditase o seu voto”.

Mañá en Sanxenxo, a entrevista á candidata de Somos En Marea Sanxenxo, Mary Camiña

Catalina González: “Coa crise olvideime de estar cos veciños. Un erro que non volvería cometer”

Te puede interesar