A Coral estrea unha habanera con sabor isleño recén composta e ficha a voz de Carlos Blanco

A Coral estrea unha habanera con sabor isleño recén composta e ficha a voz de Carlos Blanco
O grupo de música vocal de A Illa, durante un dos ensaios desta mesma semana gonzalo salgado

A Coral Polifónica de A Illa acaba de recibir, recén saída do forno, a composición dunha nova habanera con claro sabor isleño. A peza, titulada “Folla de Outono”, é obra de Xosé Piñeiro, que se centrou na parte musical, e de Francisco Martínez Lores, que se ocupou en especial da letra, un traballo ao que adicaron arredor de dous meses e que está ligado á localidade insular.
Juana María Lago, a directora do grupo vocal, explicaba esta semana que xusto estes días comezan a ensaiar e preparar a nova peza, pensada para catro ou mesmo cinco voces. “Os compositores déronnos a oportunidade de ser o primeiro grupo en cantala e para nós é unha honra”, valoraba. Iso si, preparala “leva tempo”, así que para a estrea ante o público aínda se terá que agardar un pouco máis.
“A letra é moi mariñeira e é unha obra un pouquiño triste”. “Non cita a A Illa directamente, pero fala de dornas e do mar”, contando a historia dun mariñeiro ao que acontecen algunhas desventuras. Ata aí podemos ler.

nova fichaxe
Entre mentres, a Coral Polifónica continúa cos seus ensaios semanais, con novas incorporacións a sumar aos máis de corenta intérpretes cos que conta habitualmente. Unha das últimas fichaxes foi a do polifacético actor Carlos Blanco, isleño de adopción, que ven participando con regularidade nos ensaios do grupo.
“Ten unha voz estupenda de baixo, é moi bo” gababa a directora da agrupación. Ao igual que o resto de veciños, que cada luns e venres se achegan ao local do que dispoñen no complexo sociocultural, a carón do Consistorio.
A finais do pasado 2016 o colectivo vocal conmemorou o seu terceiro aniversario, tres anos nos que percorreron xa boa parte da xeografía galega e fixeron algunhas incursións polo resto da Península, coa súa participación, por exemplo, en Lloret del Mar (Girona).
O xermolo da iniciativa que acabou configurando a actual Coral Polifónica de A Illa haino que buscar entre un grupo de mulleres que xa formaban parte da Escola de Teatro da localidade, alá polo ano 2013. As súas inquedanzas culturais leváronas a fundar o grupo de voces, ao que se foron incorporando tamén varóns, ata completar o elenco actual.
O seu repertorio e a súa técnica ampliáronse dende aquela, sendo hoxe xa un grupo cultural consolidado na vila e ofrecendo concertos tanto dentro como fóra de A Illa e da bisbarra do Salnés. Deixámolos ensaiar, música, mestres!

A Coral estrea unha habanera con sabor isleño recén composta e ficha a voz de Carlos Blanco

Te puede interesar