Daniel Filgueira | “Ao mellor outros teñen fama, pero Cambados tamén ten un centro de calidade e dinámico”

Daniel Filgueira | “Ao mellor outros teñen fama, pero Cambados tamén ten un centro de calidade e dinámico”
O director da Escola de Música e Conservatorio Elemental municipais de Cambados, Daniel Filgueira | gonzalo salgado

A Escola de Música e o Conservatorio Elemental de Cambados municipais presentaron onte un novo curso con novidades e baixo a dirección do profesor de Linguaxe Musical e especialista de trompa, Daniel Filgueira. Para el é un “reto ilusionante” e quere seguir traballando na mesma liña que os ten levado ao éxito, a ser un centro de ensino “vivo, dinámico, de calidade e familiar” porque, “ao mellor outros teñen fama”, pero “nós non quedamos atrás”, conta este catoirense que leva anos no claustro de profesores formado por 18 especialistas, “todos titulados superiores e cunha resposta incrible”. 

Como aborda esta nova etapa?
Como un reto ilusionante por manter o moi alto nivel acadado nestes anos e mellorar no posible. Como mostra máis recente, os oito alumnos que remataron o curso pasado obtiveron praza nos conservatorios superiores de Vilagarcía, Pontevedra, A Estrada e Vigo. Estamos moi contentos e conformes, e isto demostra que algo estamos facendo ben, sentímonos realizados. Somos un conservatorio elemental vivo, dinámico, de calidade e familiar, e seguimos medrando. 
 
Que aspectos queren mellorar? 
Imos intentalo con dúas materias novas: conxuntos de vento madeira e de vento metal, o combo de percusión, retomamos a orquestra de cordas e incorporamos un ensemble de guitarras. Así o alumnado, ademais de ter as clases de instrumento, terá a súa hora de agrupación porque cremos que a música disfrútase formando parte dun colectivo; é unha das nosas señas de identidade (tamén temos as bandas).

E a Escola de Música está aberta a alumnos de calquer idade e formación, cal é o perfil do alumno?
Temos un grupo de 10 alumnos de  entre 60 e 70 anos en Linguaxe musical, onde aprenden educación vocal e auditiva coa mestra Modesta Padín; e logo nas diferentes especialidades temos xente de todas as idades. En Música e Movemento hai uns 40 nenos, de 3 a 6 anos. En dato xerais, temos arredor de 150 alumnos na Escola e uns 50 no Conservatorio. Rondamos unha matrícula de 200 alumnos e se mantén no tempo.

Como están funcionando os proxectos das bandas infantil e xuvenil postos en marcha hai catro anos? 
Por fin estamos conseguindo o obxectivo de nutrir a Banda de Castrelo; nos últimos dous anos pasaron 10 alumnos. É toda unha institución en Cambados; foi fundada en 1890, é a segunda máis lonxeva de Galicia, e a temos moi presente. Para iso continuamos coa banda infantil, con preto de 30 nenos, e a xuvenil, de case 40. Así, os alumnos xa aprenden a traballar formando parte dunha agrupación. Ademais tamén é importante porque os que ven isto como unha actividade non profesional, aí síntense realizados  disfrutando da música. Non podemos esquecer ao coro, cuns 20 alumnos, e que está funcionando moi ben.

Non faltará no calendario de actividades especiais.
Non. A Xuvenil celebrará o quinto festival de bandas e queremos buscar unha de fóra da comarca; tamén iremos a Caldas e a Cuntis, que participaron en anteriores edicións. Ademais ofrecerá un concerto temático de pasodobres. Seguiremos coas semanas temáticas como o Samaín, Santa Icía, e Música e Imaxinación, onde entran en xogo exercizos de ritmo como petar na porta da clase segundo un pentagrama previamente colocado e así poñen en práctica o aprendido en Linguaxe Musical, porque o solfexo é o que lles tira máis para atrás. Pero tamén celebraremos o Día da Paz, Contra a Violencia de Xénero, o Entroido, onde nos disfrazamos, o Día da Muller, o peche de curso e as semanas de audicións, onde pasan polo auditorio para mostrar os seus avances. O pasado curso resultou moi gratificante ver como se enchía o auditorio, as de piano e das bandas foron masivas. Estamos moi contentos coa resposta que temos do pobo de Cambados. Tamén hai que destacar os simulacros para as probas de acceso ao Conservatorio Superior; son probas moi duras e así perden os nervios.

Falamos dunha concesión municipal, non sei teñen algunha necesidade para este curso?
Temos lista de espera e intentamos darlle cabida a todos os solicitantes, pero cada vez hai máis e as instalaciones son as que son.

Entón hai moita afección en Cambados entre os rapaces novos que escoitan música que dista moito dunha formación máis clásica.
Estudar música está de moda e vese porque florecen os centros en todos os lados e, ao mellor outros teñen fama, pero nós non quedamos atrás. Temos moitísima oferta de especialidades, podes aprender o instrumento que imaxines. Gustaríame que a xente saiba que Cambados ten unha escola e conservatorio de calidade e dinámico. 

Cales son as especialidades máis populares?
Temos a pecualiaridade de que este ano conseguimos que os que rematan Música e Movemento empezaran moi repartidos, non todos guitarristas e pianistas, que son os instrumentos máis demandados. Elixiron trompeta, trombón, oboe (é unha especialidade nova). E iso é o que lle dá vida ao centro porque na diversidade e onde conseguimos facer un Conservatorio de maior calidade.

Daniel Filgueira | “Ao mellor outros teñen fama, pero Cambados tamén ten un centro de calidade e dinámico”

Te puede interesar