David Castro: “Estaremos onde queiran os veciños; non queremos gobernar a calquera prezo”

David Castro: “Estaremos onde queiran os veciños; non queremos gobernar a calquera prezo”
IMG_20190507_123929_18140773

David Castro vive a cabalo entre Besomaño e Barrantes. Viticultor e responsable dunha adega, con 47 anos aspira á releeción na Alcaldía, que conseguiu grazas ao pacto tripartito en 2015, no que fora o seu primeiro intento para facerse co bastón de mando. 

Hai catro anos, cando firmaron o pacto tripartito, temían non ser quen de chegar xuntos ata aquí?

Nós contabamos chegar ata o final do mandato. O importante cando pactas é non gobernar cada un coa súa cota de poder, senón crear un proxecto, con unidade, por e para os veciños. Coido que este equipo de goberno, liderado por Independentes por Ribadumia (IR), o conseguiu.

A relación foi máis sinxela co PSOE ou con Somos?

Nós sempre tratamos de manter con todos a mellor unidade posible.

Pero foi o momento máis complicado aquela viaxe súa ao estranxeiro coa Mancomunidade, que motivou críticas públicas de Somos?

IR ten que gobernar para os veciños e debe facer a mellor xestión. E esa viaxe era importante para a Mancomunidade e para Ribadumia, para a promoción turística. Se alguén, nalgún momento, non o entedeu así, posiblemente estivese errado e se dese conta. En todo caso, IR ten claro que onde temos que estar, hai que estar. 

Se a situación tras o 26-M é similar, poderíase repetir o pacto?

É algo a estudar. É difícil dicir que non a pactos, pero os Independentes temos clara a nosa posición. IR non está na política porque a entende como unha oportunidade de traballo, senón que cree nun proxecto político. Se as demáis forzas así o entenden, perfecto. E, se non, estaremos onde os veciños queiran que esteamos.

Entendo que IR non está disposto a pactar co PP e que todo o demáis poderíase falar?

Nós presentámonos coa idea de gañar. Pasada a data, decidiremos. Pero queremos gobernar se hai coherencia, sentido común e se se prevé un proxecto político. Se non, insisto, IR non ten esa necesidade nin ansia de poder. Non queremos gobernar a calquera prezo. Nós non estamos a gobernar por poder, senón por servir ao pobo. 

Dúas das cuestións máis críticas da oposición foron a Pousada e a denuncia contra o PP pola desaparición dos discos duros, que rematou arquivada. Supoño que eses discos seguen sen aparecer.

Os discos duros non apareceron, efectivamente. E coa Pousada, é unha mágoa que a levasen a estes extremos: Eles foron os que fixeron o proxecto e nós, os que o legalizamos. Tiveron tempo desde a última certificación de obra en 2013 ata 2015 para regularizala e non o fixeron. E son datas con papeis. 

Os independentes da comarca poden ser determinantes para o goberno na Mancomunidade. E o PSOE pode selo tamén para algún goberno de independentes en pobos como Ribadumia. Porén, vostedes tiveron boa sintonía co popular Gonzalo Durán. Cara onde se decantaría IR neste órgano comarcal?

IR tivo nestes anos unha moi boa relación coas diferentes administracións, de todas as cores políticas: Provincial, autonómica e comarcal. Coido que iso é o ideal: Que os políticos teñamos capacidade de acordos para construir. Na Mancomunidade estivemos moi cómodos traballando co seu presidente, Gonzalo Durán. Sobre todo en turismo. Tamén nos axudaron a dar ese paso importante cara a legalización da variedade da folla redonda. En todo caso, estamos abertos a todas as posibilidades.

Que máis avanzou Ribadumia neste mandato?

O primeiro, transparencia. Logo, igualdade de atención a todos os veciños. E en canto aos proxectos que sacamos adiante, foron sempre en colaboración coas entidades veciñais, tendo reunións en cada parroquia. Grazas a iso fixéronse obras moi importantes, como a dos Castaños, aparcamento e humanización de Barrantes, actuacións nas parroquias, servizos básicos, aforro enerxético... Aparte diso, fixéronse eventos tan importantes como o AF7, a miniBTT, o torneo internacional de fútbol, galas como as do deporte, mellorouse o Tinto e o Pan... Evidentemente quedan cousas por facer. É difícil chegar en catro anos a todas as peticións dos veciños.

E que lles falta por facer?

Xustamente, seguir consolidando todos eses eventos, que crean riqueza turística e promoción económica; executar o proxecto en marcha da reordenación do entorno do colexio... Todo acompañado, coma sempre, das peticións veciñais nas reunións parroquiais. 

Na pizarra

O valor elixido por Castro para esta entrevista é a palabra coa que leva anos insistindo aos seus colaboradores. “Recórdanolo a diario”. O candidato á relección explícao así: “Para que o Concello sexa próximo, as persoas que o representamos temos que ser humildes”. A “humildade”, pois, enténdea necesaria para que “todos se poidan achegar ao Concello e amosen as súas inquedanzas e cuestións”. Á pregunta de se falta humildade en política e, polo tanto, tamén  esa proximidade, ten claro que si: “É necesario que os políticos coñezan cales son os problemas reais da cidadanía. Sen iso, se non te sentes un veciño máis, non podes gobernar”. 

Mañá en O Salnés, entrevista a: Martín Vázquez, candidato do PP en Ribadumia

David Castro: “Estaremos onde queiran os veciños; non queremos gobernar a calquera prezo”

Te puede interesar