domingo 22.09.2019

David Mochales | “Non queremos que o modelo de segunda vivenda en A Illa nos faga acabar como Sanxenxo”

CANDIDATO DO BNG DE A ILLA Como candidato máis novo da comarca, ten presente o problema de acceso ao aluguer para os mozos isleños, condenados a buscar residencia fóra da vila, lamenta. Peatonalizar e mellorar servizos son eixos das propostas do Bloque, que defende que máis aló da xestión, hai que facer política.

O alcaldable nacionalista, co valor político subliñado | gonzalo salgado
O alcaldable nacionalista, co valor político subliñado | gonzalo salgado

David Mochales é a nova aposta do BNG para a Alcaldía de A Illa. Veciño do barrio de A Torre, de 19 anos, estuda Ciencias Políticas, traballa na hostalería e tamén se adica ao piragüismo. A pesares da súa mocidade leva catro anos vinculado de xeito activo á política, en Galiza Nova, e dende hai un, no grupo municipal do Bloque.

Como saiu a oportunidade de ser o candidato?
Saiu, basicamente, dos meus compañeiros. Ofrecéronma e eu sentinme afagado e acepteina sen dubidar. Pareume unha boa idea, un plan factible, vinme capacitado para aportar o meu gran de area e coido que, entre todos, podemos mellorar isto.

É o candidato máis mozo da comarca. Cre que para algúns votantes a idade pode ser un problema?
Penso que pode ser beneficioso, incluso. Un cambio xeracional sempre é positivo: Novas ideas, un novo século, unha forza rexenerada, con candidatura nova e ilusionante. Coido que outro punto de vista sempre é positivo.

E desde ese punto de vista, que problemas ve en A Illa?
Aquí hai actualmente unha sensación de abandono que nós queremos corrixir. O Concello actúa simplemente como un xestor, cando nós o que queremos facer é política: Para os nosos veciños, con accións que repercutan directamente na vida cotiá.

Por exemplo?
A falta de conservación en infraestruturas públicas. A situación nas rúas e estradas é de abandono, a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida en A Illa é moi complicada. E o estado da Praza de O Regueiro é bochornoso.

E a mocidade, que eivas concretas detecta na vila?
Aí temos outro problema: A mocidade, aínda que preparada, estase vendo obrigada a marchar a concellos limítrofres, para poder alugar, por exemplo. É imposible aquí para os mozos, pola alta demanda que hai. Estamos nunha situación que nos condena en A Illa a un modelo de segunda vivenda, co cal, acabaremos como concellos como Sanxenxo. E iso é algo que dende o BNG non queremos para o noso pobo. Queremos unha Illa para os veciños, tentando atopar un punto medio co turismo.

Comeza a ser o turismo un problema para A Illa?
Eu penso que non. É un sector en auxe e estase a asentar no noso pobo. E está creando moito emprego en época estival, o cal é beneficioso. Pero tamén é incómodo para moitos veciños. Á hora de saír, por exemplo: Os atascos na ponte son un problema para todos. É algo que nós queremos arranxar.

Semella algo difícil. Teñen algunha idea de como conseguilo?
Pódese facer. Concellos como Pontevedra fixérono. Simplemente cunha humanización do pobo, retirando o tráfico do centro, cunha peatonalización que temos en mente. E creando aparcamentos disuasorios. Somos un pobo no que se usa moito a bicicleta e queremos favorecelo aínda máis. Con todo iso, melloraríase bastante.

Téñolle que preguntar pola polémica dos últimos Plenos. A inversión municipal no Atlantic Fest revirte en favor da vila?
O Atlantic Fest está a levar 21.000 euros do Concello e non hai ningún estudo que avale que eses cartos veñan de volta para A Illa. Pola contra, as festas do Carme levan do Concello arredor de 13.000 euros. A min paréceme de escándalo que unha empresa privada estea levándose 21.000 euros ao tempo que a comisión que fai as festas, sen ánimo de lucro, leve moitísimo menos. Sendo como son unhas celebracións que atraen a moita máis xente e que deixan máis repercusión económica nos pequenos negocios.

Nas eleccións de 2011 o BNG tivo a difícil labor de decidir un goberno ao non haber maioría absoluta. Se despois do 26-M tampouco a hai, cal será a súa posición? Apoiarían un executivo socialista?
Agora mesmo son candidato a Alcaldía como o son os do PP e o do PSOE. O día 27, tras ver os resultados, falaremos.

Comentarios