David Pereira: “Aquí houbo unha trama caciquil durante anos e non podemos permitir que volva a dereita rancia”

David Pereira: “Aquí houbo unha trama caciquil durante anos e non podemos permitir que volva a dereita rancia”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-89f240e4

David Pereira cumpriu 28 anos o pasado 1 de maio. Unha data para nacer moi ben traída para quen non dubida en subliñar a súa conciencia polos idearios obreiros, reafirmados nunha familia de conviccións socialistas. Tampouco oculta o seu pasado no PSOE, porque este veciño de Sisán, traballador da hostalería, con inquedanzas no teatro e quen tamén se embarcara na comisión que revitalizara as festas da parroquia, preséntase agora como alcaldable do BNG convencido de que o cambio de siglas responde á súa vontade de manterse firme nas súas conviccións de esquerda. 

Porque nas pasadas municipais concurría como número 7 na lista do PSOE, do que foi secretario de organización. Que o fixo cambiar e ser agora cabeza de lista do BNG?

Si, eu veño dunha familia socialista. De mozo, cando comecei a ter inquedanzas políticas e ideas de esquerdas, o PSOE foi a primera toma de contacto. Pero vin que as miñas ideas se acollen mellor no seo do BNG. Temos que darnos de conta de que o Partido Socialista Obrero Español perdeu o de obreiro e perdeu o de socialista: Non se pode ter un ideario de esquerdas e facer unha reforma da Constitución dun momento para outro. Ademais, volveuse un partido burgués: O candidato do cambio da era Adolfo Suárez agora está cobrando máis de medio millón de euros por empresas externas, como compañías enerxéticas. Para min, non representan o ideario de esquerdas que din que defenden. 

O concepto “cambio” foi tamén o elixido para a súa pizarra, en favor dunha mudanza fronte aos gobernos de dereita. O BNG non apoiaría un executivo nin do PP nin de IR?

Nós queremos gobernar. Pero somos conscientes de que o obxectivo agora é chegar ao Concello, posto que partimos da base de que non temos representación desde 2015. O que veña son cuestións a valorar co que pase o día 26. 

Pero teñen algunha liña vermella que poida determinar o vindeiro goberno de Ribadumia? 

Ata hai pouco isto foi unha trama caciquil de Rafael Louzán e compañía. Non podemos permitir que volva haber un goberno de dereita rancia, como o foron os executivos do PP. Pero, insisto, haberá que valorar, falar e consensuar a partir do 26, pensando no mellor para as persoas e para o Concello. 

A que achacan a perda de representación en 2015? Á fragmentación e á aparición de Somos tal vez?

O BNG vén dunha situación complicada, na que medio se desgarrou cando houbo esas escisións de Anova, AGE... que si Podemos, que si Marea... Agora ben, despois dos resultados das eleccións Xerais, vemos que o BNG volve ser forte e recupera a confianza do electorado. Duplicamos o número de votos e quedamos a un paso de ter voz en Madrid. Vese que o proxecto ilusiona e cala. 

Aínda que liderado por unha formación conservadora, este foi un mandato de cambio en Ribadumia. Como o valora?

Claro está que houbo cambio, pero non deixou de ser unha alternancia de gobernos de dereitas. Poñer farolas e cambiar losetas nas    beirarrúas é algo moi sinxelo para calquera goberno. Pero por parte do BNG chegou a hora de actuar para unha alternativa real: Cun alcalde que se comprometa coa loita contra o desemprego e o impulso ás políticas sociais, cun goberno que entenda a política de xeito participativo e onde todos os veciños sexan tratados por igual. 

E que medidas propón o BNG para concretar ese cambio?

Ribadumia ten unha taxa do 13 % de paro, así que plantexamos como obxectivo recuperar as parcelas do polígono que están sen actividade; crear un viveiro de empresas, apoiar o autoemprego na agricultura e viticultura, revitalizar a praza de abastos, con mercadillos de produtos da zona; incentivos con descontos e axudas para o comercio e hostalería local; promover o turismo aproveitando o sector do viño, con rutas guiadas e unha aula de interpretación ambiental e sacarlle máis partido ao auditorio, como local para diferentes colectivos culturais. Tamén queremos melloras nos servizos públicos, do transporte e aparcamento, do centro de saúde e Pediatría e dos accesos do colexio; cousas das que se fala moito, pero que sempre quedan no aire, sen facer.

David Pereira: “Aquí houbo unha trama caciquil durante anos e non podemos permitir que volva a dereita rancia”

Te puede interesar