martes 11/8/20

Educar dende a infancia, eixo da campaña do CIM comarcal polo 25N

Educar dende a infancia e concienciar dende as aulas contra o machismo e a violencia de xénero son os eixos sobre os que xirará a campaña do CIM comarcal con motivo dos actos do 25 de novembro.

Educar dende a infancia, eixo da campaña do CIM comarcal polo 25N

Educar dende a infancia e concienciar dende as aulas contra o machismo e a violencia de xénero son os eixos sobre os que xirará a campaña do CIM comarcal con motivo dos actos do 25 de novembro. Co nome de “Stop ó primeiro sinal” a entidade na que participan os concellos de Cambados, Meis e Ribadumia levan xa dende inicio de curso traballando cos diferentes centros escolares para combater cuestións como os micromachismos. A directora do CIM, Mariña Varela, destacou que “optamos porque os programas inclúan atención non só ás vítimas, senón aos fillos e tamén aos nenos para que se vaia educando dende moi novos”.
Así pois, e durante todo o mes de novembro, proxectáronse curtas e realizáronse monólogos nos IES dos tres concellos. No caso dos nenos de educación infantil promovéronse sesións de contacontos para reinterpretar as historias tradicionais e acabar así cos estereotipos de xénero. Estas actividades seguirán tamén durante o mes de decembro.
A lectura conxunta do manifesto mancomunado terá lugar este venres 24 ás doce do mediodía na entrada dos tres Consistorios.
En decembro
Dende o CIM non queren que as actividades de loita contra a lacra da violencia machista se limiten unicamente ao día 25 de novembro. Por iso en decembro tamén seguirán as actividades. Así pois Ribadumia acollerá a sexta edición do Simposio Móstrate Salnés, coa idea de que as mulleres participantes se motiven á hora de emprender.
Pola súa banda Meis será a sede este ano da segunda “Fast Dates” Mulleres do Salnés, reunións rápidas entre mulleres da comarca en activo ou en estado inactivo para a búsqueda de emprego. Do mesmo xeito Cambados acollerá unha reunión de asociacións con nome feminino a nivel comarcal, nacional e internacional coa idea de que se mostren os beneficios do asociacionismo entre mulleres. Todas estas actividades están aínda pendentes dunha data por confirmar.
No acto de presentación desta campaña estiveron a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, a concelleira de Meis, Ofelia Barral e o concelleiro de Ribadumia, Enrique Oubiña. Todos eles destacaron a importancia de seguir educando para que a violencia de xénero deixe de ser unha realidade. A primeira rexidora cambadesa sinalou que “se vén detectando, polas cifras que se manexan, un incremento do machismo en idades moi temperáns, daí que sexa necesario actuar dende a infancia”. Ofelia Barral manifestou a “implicación total” do Concello de Meis neste tema e Enrique Oubiña felicitou a maiores o traballo que se desenvolve dende o CIM comarcal.
Esta entidade presta servizo aos concellos de Cambados, Meis e Ribadumia e está pendente de se apostar tamén por Vilanova.

Comentarios