Elena Cores | “Se a Durán non lle entras polo rego, as súas políticas todos estes anos son o insulto ou a falta de respecto”

Elena Cores | “Se a Durán non lle entras polo rego, as súas políticas todos estes anos son o insulto ou a falta de respecto”
diario de arousa-9999-99-99-999-d11fa00e

Elena Cores preséntase por segunda vez ás eleccións en Vilanova logo de conseguir entrar na Corporación en 2015 cunha forza nova. Veciña de Caleiro, de 44 anos, técnica especialista en Anatomía Patolóxica, o titular da súa entrevista de hai catro anos sorprendía entón na vila ao adiantar que o auditorio ía pasar por atrancos debido a unha liña de alta tensión, como así aconteceu. 

E catro anos despois, a obra segue aínda sen rematar. Imos comezar por aí: Algún prognóstico que queira lanzar hoxe?
Bruxa non son! Así que, único, dicir que fixemos estudos da demografía de Vilanova e temos unha tendencia a envellecer. Así que as nosas políticas veñen dadas por ese avellentamento poboacional e en tentar revertilo: Creando traballo, apoiándonos nas Pemes, no sector primario e nos polígonos, que están baleiros, ademais de apoiar as exportacións.

Son esas as principais liñas do seu programa? 
Algunhas delas. Logo están a creación do centro de día no colexio abandonado de András, un centro asistencial e aumentar a partida de Axuda no Fogar. Cousas que, insisto, van ligadas ao envellecemento de Vilanova e ao incremento de persoas dependentes. Así que: Por unha banda, políticas sociais para atendelas e, por outra, tentar revertir esa gráfica. Finalmente, outra das claves é crear un PXOM: Para dar a seguridade aos cidadáns de que as licencias que se lle dean para as súas casas desde o Concello sexan reais e non un “ti fai e ti non”. 

Foi o primeiro mandato de Gañemos no Concello. Cambiou a percepción da política que tiñan desde fóra?
Non todo o que hai no Concello sae afora. Por iso, parte do que nos adicamos foi a dicirlle á xente o que había dentro, xa que non recibían información por outro lado. A nosa labor estivo orientada a controlar a xestión do goberno local, pero facendo tamén unha oposición construtiva, con medidas concretas. Outra forma de facer política é posible. 

Porén, vostede e o alcalde e candidato popular protagonizaron algúns dos enfrontamentos máis broncos nos Plenos deste mandato. 
Os Plenos tampouco foron tan broncos. O que pasa é que sabemos que a Durán, cando non lle entras polo rego, sempre che insulta ou che falta ao respecto: Son as políticas que el leva exercendo durante estes anos. Por iso a xente non participa nos Plenos. Esa é outra cuestión que nós levamos: A participación cidadá nas sesións. 

Plenos nos que Gañemos liderou nos últimos meses, alomenos de xeito máis público, os intentos por manter aberta a Residencia Valle-Inclán. O cal pode chamar a atención, porque neste longo conflito, ata que houbo esa amenaza do peche, a esquerda semellou centrarse máis, quizais, en denunciar as supostas irregularidades administrativas, laborais e mercantís. 
Máis que de esquerda, somos unha forza transversal, onde temos integrada a moita xente de moitas ideoloxías e que o único que queremos é que Vilanova progrese, teña futuro e non quede ancorada no pasado. Con respecto á Residencia, esperamos que o conflicto se solucione á maior brevidade posible. O que fixemos foi levar o tema a Pleno, onde se aprobou por unanimidade, pero onde nunca o levaron máis alá da votación. Visto que o goberno local non era capaz de dar solución, tivemos que botar man doutras formacións que si nos fixeron caso para levar esa demanda adiante. Ata o Parlamento de Galicia.

Gañemos naceu en 2015, momento en que os movementos cidadáns deste tipo estaban en auxe. Agora semella que tanto Podemos como as Mareas, segundo as últimas citas coas urnas, deixáronse bastantes votos. Como ven o 26-M? Poderán mellorar ou manter os resultados? Temen quedar fóra da Corporación?
Aí todo depende da xente, de como vira o noso traballo e as políticas sociais que desenrolamos, como o que falabamos: O mantemento da Residencia Valle-Inclán. Penso que no noso caso estámolo facendo ben de cara aos cidadáns, pero é a veciñanza a que decide agora se seguimos, non seguimos ou que facemos. l 

Elena Cores | “Se a Durán non lle entras polo rego, as súas políticas todos estes anos son o insulto ou a falta de respecto”

Te puede interesar