Ensinar Música a través dunha pantalla: “Aos nenos gústalles a novidade e todo isto motívaos”

Ensinar Música a través dunha pantalla: “Aos nenos gústalles a novidade e todo isto motívaos”
A tecnoloxía mantén conectados aos intérpretes cos seus profesores | cedida

A telemática ía ser só un parche co que lidiar ante este confinamento. Pero estase a converter nun revulsivo para os mozos que aprenden Música en Cambados. Porque os docentes do seu Conservatorio e Escola de Música estanse a decatar de que o tomar a lección a través da pantalla dun ordenador ou dunha tablet está a espertar a inquietude dos alumnos. E a cousa non fai máis que progresar. 

O seu director, Daniel Filgueira, resumía estes días que “aos nenos encántalles a novidade, motívaos”. E, dende logo, novidades hai dabondo nestas semanas. 

O cambiar a canle na que se comunican e interactúan suman o compoñente tecnolóxico á formación musical e o resultado sorprende aos mestres. “Eu non esperaba esta resposta”, confesa Filgueira, que recolle as impresións do resto de mestres, cuns mozos centrados e que acuden ás súas leccións do serán puntualmente. 

“Coido que incluso os axuda”, valora sobre a posibilidade que teñen os músicos novos de pasar horas da cuarentena preparando leccións cos seus instrumentos, na casa, e logo reproducilas ante os docentes. 

Novos contidos
De feito, ocupan o tempo tanto os novos talentos da música en Cambados como os maiores das súas familias. Porque en tempos revoltos aumenta o inxenio. E os profesores do Conservatorio tiran del, “triplicando as horas de traballo” para ofrecer contidos atractivos e adaptados... nos que logran involucrar a toda a familia. 

Como? É que ademais da lección medida ante o mestre, prepáranse, por exemplo, vídeos tutoriais a modo de obradoiros prácticos, para os máis pequenos. Así, por exemplo, veñen de ensinar como facer na casa un pau de choiva. E grandes e pequenos experimentan e traballan, compartindo logo os resultados en rede. 

Tamén se aposta polas audicións on-line: Os instrumentistas actúan ante a súa familia e logo comparten o concerto solista nas redes da Escola, convertendo o público potencial do auditorio virtual en mundial. Audicións recomendadas e tarefas a través de diversas apps suman máis propostas dos 17 docentes aos seus preto de 200 estudantes. Música, mestres!

Ensinar Música a través dunha pantalla: “Aos nenos gústalles a novidade e todo isto motívaos”

Te puede interesar