“Entristeceríame que non houbera consecuencias para quen vilmente me sacou de diante”

“Entristeceríame que non houbera consecuencias para quen vilmente  me sacou de diante”
Diario de Arousa-2015-03-25-010-4d81bf3f

Foi un día feliz o de onte no IES de A Illa, tras erguerse coa nova da sentencia que da a razón ao exdirector Alfonso Malvido, cesado pola Xunta en 2013 acusado de retrasar arbitrariamente o inicio daquel curso académico. A primeira hora da tarde a Comunidade Educativa estalaba en festa, convocada apenas unhas horas antes, con gaiteiros, pandeiretas e abrazos, moitos abrazos, á figura descabeza pola administración galega, organismo que agora é condeado a pagar as costas do proceso xudicial e a devolverlle ao mestre os 8.644 euros que deixou de percibir durante este tempo, ao declarar nulo aquel cese. El aténdenos tan ledo como indignado.

A que sabe esta sentenza ao seu favor?
Pois ten un gusto agridoce. Porque todo o proxecto educativo e de xestión para este centro quedou radicalmente cercenado. Pero descubrir que a Xustiza nos da a razón á Comunidade Educativa de A Illa é unha alegría.

Que supón este fallo? Vai volver acceder á dirección do centro?
Aínda non o sei. Non sei se vou poder ser director ata este verán, que remataría o meu periodo se non tivera sido cesado. O máis importante é que a sentencia tamén levanta a inhabilitación que dictaron contra min para que non puidera volver a presentarme á dirección de calquera centro educativo durante tres anos.

E pensa en volver presentarse para revalidar o cargo en A Illa no futuro?
De momento tereino que pensar. A situación non é a de antes. O proxecto educativo morreu, o ano que ven vai entrar aquí a Lomce (a polémica nova lei educativa)... Que que vou facer? Non o sei. De momento saborear esta pequena victoria.

Isto demostra unha inxustiza cometida por Educación?
O meu avogado explicábao con claridade: Non se pode castigar dúa veces pola mesma falta. E eu fun cesado e inhabilitado... O que se demostra, ademais, é que sufrín indefensión. A min cesáronme por un único informe da inspección educativa, que a sentencia declara agora tal documento como “hipercalificado”: Foi o único que se tivo en conta para cesarme. E non se ofreceu a posibilidade defenderme.

Fálenos daquela polémica: O IES envía unha carta aos pais dicindo que non manden á escola aos seus fillos ao día seguinte...
Aquel día, cando chego ás 9 da mañá ao centro, tentei contactar co inspector educativo e quedeime absolutamente abandonado pola Xunta. Desde o 1 de setembro xestionei vía correo electrónico, como de cotío, para que o 16 todo estivera en funcionamento, pero chegou ese día e non tiñamos a plantilla de mestres cuberta nin confirmada, polo que non podiamos organizar os horarios para as clases: Faltaba un docente por outorgarnos e iso condicionadaba todo o funcionamento do centro. Así tentamos explicarllo á administración, pero deixouno sós. Xuntouse o claustro e decidimos: Que facemos? E mandouse esa carta. Era unha situación excepcional. E en ningún momento nos dixo o inspector que tiñamos que dar clase: Nós non desobedecemos, non somos tontos nin suicidas... Tamén hai que lembrar que é habitual comezar as clases de xeito escalonado os primeiros días. Por iso non agardabamos unha reacción tan fulminante.

Se di que Educación non contestaba os requerimentos do centro, pensa que a administración puido ter preparado o terreo para logo abrir o expediente?
Preparou a situación, para facer unha encerrona e sacar de diante un centro que molesta. Está claro que é unha represión, porque somos un instituto no que sempre pelexamos e cuestionamos certas decisións que veñen de arriba para negociar e tentar sacar unha situación o máis ventaxosa posible para a noso centro.

Que espera agora da Consellería? Dimisións?
Non teño ganas de polemizar. Pero estou moi doido con Educación e coa Inspección Educativa e entristeceríame que todo isto non tivera ningunha consecuencia para a xente que vilmente me sacou de diante e mancillou a miña labor profesional. 

“Entristeceríame que non houbera consecuencias para quen vilmente me sacou de diante”

Te puede interesar