“O falecemento de Jorge Domínguez deixou un goberno coa moral baixa e sen ideas”

“O falecemento de Jorge Domínguez deixou un goberno coa moral baixa e sen ideas”
Diario de Arousa-2015-04-29-014-00cc6e75

Francisco Pombo ten 36 anos, é graduado en Administración e Dirección de Empresas e lidera desde Dena unha das novas listas que entran en xogo no taboleiro político de Meaño. Cítanos no alto da capela de San Bieito, onde as impresionantes vistas, opina, testemuñan o desaproveitamento turístico da vila. As súas respostas son curtas e moi meditadas.

Esta é a súa primeira incursión en política?
Si. Tentáronme noutra ocasión, pero daquela non aceptei.

E non nos vai dicir quen o tentara, claro.
Non.

Pero agora si acabou en política. Que lle convenceu, pois, de Compromiso?
Sobre todo que este proxecto é unha unión dun grupo de persoas cun descontento xeral de como se estaba a levar o goberno municipal.

Pero a nivel ideario, hai algo que o convencera para decantarse por esta opción política?
Nós imos como coalición entre Compromiso por Galicia e Concellos Transparentes e o noso ideario é independente. Como formación local non somos nin de dereitas nin de esquerdas.

Porén, simpatizarán máis cunha ideoloxía que con outra. Tal vez co nacionalismo do BNG, por definirse Compromiso como galeguista?
Non. O optar pola coalición foi por considerar que a unión fai a forza política e permite reducir custes en campaña. Incluso Jorge (Domínguez) tamén buscou o apoio dun grupo no seu momento.

O ideolóxico pasa a un segundo plano, entón.
Efectivamente.
Como o convencen para que fora  vostede o alcaldable da lista?
Por acordo entre todos.

Pero xa pensara antes en algo así?
Sempre tiven algo de inquietude política.

Este é o único municipio do Salnés no que se presenta Compromiso por Galicia baixo a marca Compromiso por Meaño. Ven máis opcións que noutras vilas?
Bueno, Compromiso vai en moitas vilas en Galicia, tamén na zona de Pontevedra, malia que aquí sexa só en Meaño. A organización apoia nos concellos nos que llo solicitan.

E aquí por que deciden dar o paso? Por descontento coa política local?
É que esta foi unha lexislatura perdida. Por un lado, por falta de oposición e por outro, por un goberno escaso de ideas.

A crítica é ao PP ou á alcaldesa?
É unha críticica máis ben ao grupo. Non hai nada persoal contra Lourdes Ucha. Imaxino que a ela colleríaa todo un pouco por sorpresa, polo fatal desenlace da enfermidade de Jorge. E supoño que se atopou cun equipo tamén coa moral moi baixa, polo mesmo motivo.

Foi entón un mandato no que non se fixo todo o que se podería ter feito?
Si. Puidéronse facer moitas cousas, tanto no deporte como turisticamente.

Que propoñen vostedes?
Transparencia como piar fundamental. Despois apoio aos servizos sociais, cun proxecto de conciliación familiar importante. En educación levamos no programa “Meaño Bilingüe”, para apostar polo inglés, e cursos de formación para pequenos e adultos. No económico defendemos presupostos participativos e non queremos que se hipotequen futuras corporacións.

Pero Meaño é un concello saneado, sen débedas...
Si. Meaño é como España: Supostamente vai ben. Supostamente.

Faltan infraestruturas?
Unha necesidade menor sería instar ao organismo competente a que instale unha baranda no centro médico de Dena. E unha necesidade maior: Aillar correctamente o colexio.

Propoñen, se non me equivoco, unha área de Comunicación. Ten Meaño pouca visibilidade?
Si. E un problema moi grave de promoción. Que tamén se pode facer a través do deporte.

Cinco partidos: No caso de ter que apoiar algún goberno, con quen falarían de pacto?
Nese caso non habería que apoiar un ideario político, senón a lista das persoas. En caso de minoría, apoiaremos aquelas propostas que sexan positivas para os veciños.

Pero a que son máis favorables? A un goberno alternativo ou tamén apoiarían ao PP?
Apoiariamos todas as propostas que sexan positivas para os veciños.

“O falecemento de Jorge Domínguez deixou un goberno coa moral baixa e sen ideas”

Te puede interesar