Fátima Abal: “Non creo que as denuncias me pasen factura; son difamacións e a xente sábeo”

Fátima Abal: “Non creo que as denuncias me pasen factura; son difamacións e a xente sábeo”
_MG_5285_13520562

O “orgullo” que sente Fátima Abal tras ser a primeira muller elexida alcaldesa de Cambados e dificilmente superable. Non deixa de repetilo porque “é a mellor experiencia que se pode vivir”, asegura. Opta á reelección cun equipo con “moitísimas ganas de traballar” e proxectos como un plan de accesibilidade dos recursos turísticos e centrado nas persoas, di. Sabe que lle espera un escenario de voto atomizado e destaca o talante “dialogante” do PSOE, pero tamén envía unha mensaxe: aos socios que a investiron en 2015, “ían ter que cambiar moito as condicións” do pacto, e ás outras forzas, “non pactariamos coa dereita”. 

Sempre puntualiza: Estar de alcaldesa, non ser alcaldesa, a que se debe?

Porque é algo temporal e todos os políticos o deberían entender así. Hoxe estou de alcaldesa pero non sei que pasará mañá, pero si sei quen son e seguirei sendo: Fátima Abal Roma e ser, somos persoas.

Non obstante, na campaña preséntase como “A alcaldesa”, destacando ese papel…

Si porque síntome súper orgullosa de ser a primeira muller en estar de alcaldesa e de ser esa servidora pública próxima, á que os veciños acoden a falar de calquer problema ou simplemente da súa vida.

O peor e o mellor do seu goberno?

O peor, que dende o primeiro momento se dixese que non iamos aguantar cando tiña moi claro que este grupo plural de forzas remataría o mandato porque todos queriamos que Cambados progresara. É certo que en momentos non houbo facilidade de comunicación, pero máis duro foi que cando non tiñan como atacar á xestión política, comezaran a difundir bulos día tras día sobre a miña persoa e o máis grave, sobre a miña familia. E o mellor, estar ao lado dos veciños.

Aínda así, reeditaría o pacto?

Somos un partido que aspira a gobernar porque ten capacidade e 140 anos de historia, e se hai que negociar estariamos abertos, somos dialogantes. O que está claro é que non pactariamos coa dereita, como o PP, e de ter que reeditar o cuatripartito coas mesmas forzas ían ter que cambiar moito as condicións.

Non botou en falta unha foto con Fefiñáns pechado tendo en conta que era unha demanda histórica do PSOE e incluso doutros socios?

Era algo que queriamos todos menos un socio ata que, a través de negociacións e charlas, se deu de conta de que era necesario, pero o importante no labor dun político non é a foto, é secundario, é facer o mellor para a vila. 

En políticas de Igualdade o cambio foi radical, antes eran inexistentes. En que máis se notou a Alcaldía socialista?

Esa man socialista vese nas políticas do día a día. Na proximidade e en darlle voz a colectivos invisibilizados, como o LGTBI, e en Turismo fixéronse grandes avances para a repercusión nacional e internacional de Cambados con fitos históricos como a Cidade do Viño, ser o Mellor Municipio Enoturístico e a declaración da Festa do Albariño como de interese internacional, o que suporá unha gran subvención e unha axuda para o punto morado, cuxo exemplo siguen outros concellos. Tamén se viu en políticas sociais e pola Presidencia da Deputación, que investiu máis de 7 millóns e apostou por melloras de camiños, plans de emprego para persoas en risco de exclusión social, etc.

Cre que a súa condición de investigada xudicialmente, o tema da suposta empresa pantasma e a denuncia pola casa dos seus pais, pasaralle factura nas urnas?

Espero que non porque as mentiras teñen as patas moi curtas e a xente me coñece e sabe que son difamacións. Ademais hai cousas sen sentido como a denuncia pola casa dos meus pais porque nin participei na concesión da licenza. Está claro que son denuncias para manterme nun momento xudicial de investigación, pero teño a conciencia tranquila. E o da empresa pantasma, a persoa que inventou esas cousas é parella dun candidato do PP e a súa credibilidade é tal que na televisión dixo ser enxeñeiro aeronáutico cando non o é –estudou Dereito– e todo o pobo o sabe . Son novas con moito “boom” e venda de xornais, pero non se dan de conta do dano que lle fan a unha familia.

E no caso da praza de oficial non cre que habendo unha manifesta amizade sería mellor elexir outro xefe de Policía Local e despexar as dúbidas de “amiguismo” sementadas pola oposición?

Os xefes non se elixen a dedo. El está nunha comisión de servizo aberta a toda Galicia e a través dun concurso de méritos, informado polo secretario e seguindo todas as premisas da lei, e tivo a maior puntuación. Temos outro oficial, pero chega este e resulta que ten cero cursos e outro cento e pico... E que non hai outra posibilidade, sexa meu amigo un ou outro. E realmente ninguén máis se quixo presentar; ser xefe en Cambados é moi difícil. El elixiuno porque vivía preto coa súa parella.

Cales son as propostas máis destacadas para o próximo mandato?

Un plan de accesibilidade turística para as zonas máis fermosas (A Torre, o Muíño, etc.) porque non podemos privar a ninguén de disfrutalas e o sector é moi importante para a nosa economía; instalaremos servizos básicos na praia das Saíñas; construiremos un centro social para a terceira idade no centro; e realzaremos o Monte da Pastora convertendoo nun parque natural dos sentidos. Por outra banda é moi necesario desenvolver un PXOM para contar con dotacións de terreo público, regular vivendas... Para lograr un crecemento ordenado e que a xente non marche a outros concellos para facer a súa vivenda. 

Tamén contemplan unha piscina de auga salgada, onde?

No entorno da praia de Suarosas e haberá que falar con técnicos para que estea integrada e tramitar os permisos ante Costas, pero cremos que é realizable.

Son proxectos que superan a capacidade económica do Concello. Como lograrán a financiación?

Confiamos en que Carmela Silva seguirá ao fronte da Deputación e seguirá habendo un reparto equitativo do Plan Concellos, cuns criterios claros e definidos, non como esas libres disposicións de fondos onde se facían melloras en concellos do PP en detrimento doutros de diferente cor política.

Na pizarra

Coa pizarra, a socialista Fátima Abal quere facer un recoñecemento aos “políticos que realmente somos honestos e o único que queremos é o ben da nosa vila, que os nosos veciños vivan mellor e que de verdade sentímonos servidores públicos e estamos aquí para eles, non por intereses persoais de ningún tipo”. Porque, como ela mesma di, estamos nuns tempos nos que, desafortunadamente, “a política está tan denostada”, engadiu á candidata á reelección polo PSOE.

 

Mañá en Cambados, entrevista a: Luis Aragunde, candidato do Partido Popular Cambados

Fátima Abal: “Non creo que as denuncias me pasen factura; son difamacións e a xente sábeo”

Te puede interesar