O Festival Xironsa, moito máis que o soño dunha noite de verán de Corvillón

O Festival Xironsa, moito máis que o soño dunha noite de verán de Corvillón

O Festival Xironsa despediu onte unha nova edición tras 19 anos de celebración. É un festival diferente que sempre se marcou o obxectivo de ser unha cita familiar con actividade de día e de noite e na que a promoción da música e da cultura galegas estiveran por enriba dos grandes aforos. Neste tempo conseguiu manter vivo este espírito, pero nos últimos anos creceu de maneira espectacular e agora ata ten que evitar as multitudes. Xa non só é unha cuestión de cumprir a Lei de Espectáculos, que limita a asistencia a algo máis de 5.000 almas, senón tamén de capacidade loxística e operativa da asociación cultural que a organiza que, a pesar de custarlle apoios económicos, quere seguir manténdose nesta condición para non perder ese norte que os ten convertido nunha cita ineludible do verán galego.

A cita comezou o venres co concerto dunha das artistas do panorama musical galego máis importantes: Sés. A néboa da noite non puido coa gana de escoitala e encheu o recinto da Seca; un entorno natural que é outro dos reclamos do festival. E a mítica banda viguesa Os Resentidos pechou dúas xornadas de diversión cunha vintena de actuacións e actividades para todos os públicios. De feito, antes da súa actuación foron dúcias as persoas que se achegaron a Corvillón a gozar dos xogos populares, da feira de artesanía e dos espectáculos de circo e maxia. Non faltou o tradicional xantar ao que a organización ten que poñer o tope en 500 comensais.

A falta da valoración final desta edición, a entidade de Corvillón amosábase onte satisfeita co resultado e brindou por moitos anos máis de festival e de asociación, porque Xironsa é moito máis que o soño de verán da parroquia de Corvillón, é unha entidade que durante todo o ano e dende hai 27 invernos, outonos, primaveras e veráns, traballa a prol da cultura galega a través da formación e os seu grupos de danza e música .

O Festival Xironsa, moito máis que o soño dunha noite de verán de Corvillón

Te puede interesar