Gonzalo Pita: “SAL ten moita máis forza sendo independente. Non lle debo nada a ninguén nin ninguén me debe nada a min”

Gonzalo Pita: “SAL ten moita máis forza sendo independente. Non lle debo nada a ninguén nin ninguén me debe nada a min”
Diario de Arousa-2019-03-03-017-3f819b2b

Tras catro anos de goberno e de protagonizar unha situación política ata agora nunca vivida, a cesión dunha Alcaldía, Gonzalo Gonzalo Pita (Vilalonga, 1970) volve a encabezar o proxecto de SAL para as vindeiras eleccións municipais. Afronta esta nova etapa coa “tranquilidade e satisfacción de ser útil para os veciños” e cos “deberes feitos”.

Cal é o balance que fai destes catro anos? Destacaría algún proxecto?

Non un en concreto senón un conxunto. Cando chegamos ao Concello estaba endeudado por enriba dos once millóns de euros, levaba cos presupostos prorrogados dende había tres anos e había un endebedamento e impagos a proveedores por enriba dos seis millóns de euros que produciu un Plan de Axuste. Isto revertiuse e non só se baixou a débeda, o custe político e o IBI, senón que se puido facer inversións por máis de 25 millóns de euros. Foi un mandato no que gañaron os veciños.
 
Como vai a elaboración da lista? 

Vai pouco a pouco porque hai que dar nas teclas axeitadas e facer unha mestura entre a experiencia e as novas xeracións, a paridade e as parroquias, pero estase xa concluíndo. 

Cales son as cualidades que busca para conformar o seu equipo? 

A honradez, a humildade e o traballo serán os tres rasgos que caractericen ao meu equipo. Ao contrario do que din algunhas políticas rancias que temos intereses persoais, a día de hoxe ninguén foi capaz de concretar eses intereses. Non nos consideramos políticos, a pesar de estar catro anos no goberno, pero si persoas traballadoras que loitan polo ben dos veciños. No meu equipo conto con Daniel e Suso porque son persoas nobres, traballadoras e da miña máxima confianza.

Cre que a cesión da Alcaldía pódelle pasar factura co electorado ao verse diluída a súa xestión dentro dun goberno cun líder popular?

Non tomo as decisións pensando nas eleccións senón nos veciños. Se fose así, sentaríame como Pedro Sánchez durante nove meses no sillón e sen aprobar os orzamentos. Puiden tirar así dous anos e seguramente habería outra visión política miña, pero estou moi contento e orgulloso do que fixen. A esquerda perdeu a oportunidade que lle brindamos, non souberon aproveitala.

A boa sintonía co PP nestes dous anos de goberno e na Mancomunidade levou a pensar nunha integración de SAL nas filas populares. Estivo nalgún momento esa posibilidade sobre a mesa?

Nunca falamos de integración. Estou contento co PP porque cumpriron co que lle pedín tanto na Mancomunidade como no PP local. Nestes dous anos o investimento está sendo récord e se a cambio houbo que deixar o sillón, pois mereceu a pena. 

Entón, ningún afiliado manifestou esa posibilidade nas asambleas previas ao anuncio da súa candidatura? 

Non hai ningunha acta de reunión de afiliados na que se recolla, aínda que a nivel persoal houbese simpatizantes que pensasen nela. Iso pode ser. SAL ten moita máis forza sendo independente. Non lle debo nada a ninguén nin ninguén me debe nada a min. Moita xente a nivel local confía en SAL e é absurdo pensar nunha integración cando se fixo unha nova directiva, unha nova sede... Sería incompatible unha cousa coa outra.

Cal foi o motivo polo que tardou tanto en facerse o anuncio oficial de que SAL se ía a presentar aos comicios electorais? 

Estamos gobernando e non temos que ter présa. No 2015 presentámonos en marzo, pero entendo que os partidos adversarios estean pendentes de nós porque somos un partido que inclinamos a balanza.

Nestes dous anos tivo a oferta dalgún outro partido para encabezar a súa lista? 

Tivemos un coqueteo con Ciudadanos, pero non me convenceron certas cousas, porque considero que debemos ser libres e autónomos. O ámbito local é o meu espazo e non queremos que haxa ninguén que nos marque dende arriba cara onde temos que ir e con quen temos que pactar. 

En que posto se sEnte máis cómodo, como alcalde ou como tenente alcalde de Sanxenxo? 

Son funcións moi distintas, a de alcalde é de maior responsabilidade, pero neste último tramo de lexislatura estiven como alcalde en numerosas ocasións. Tanto nun posto como noutro sigo recibindo aos veciños e desprazándome ao rural. Para min o importante é acadar logros e non a figura de alcalde ou tenente alcalde.

Cales son as aspiracións políticas do partido SAL nos vindeiros comicios? 

Confío na intelixencia dos veciños e que poidan ver que se conseguiron proxectos e asuntos históricos como o polígono ou o colexio de Vilalonga. Saio a ganar e os veciños son os que teñen que decidir. Ogallá saquemos un bo resultado para petar onde teñamos que petar, e confío en ser a lista máis votada. A día de hoxe, xa me coñece todo o mundo.

Na súa presentación anunciou que non tiña liñas vermellas para posibles pactos, aínda que a concelleira do BNG xa anunciou hai unha semana que nin co PP nin con SAL.

É licito, a candidata do BNG pactará cos seus deputados da Deputación e non cos veciños de Sanxenxo. Respeto a súa decisión, pero eu teño a porta aberta a todos os partidos que permitan unha estabilidade para conseguir levar a cabo os programas. Non lle pecho a porta a ninguén. Podemos pactar con quen sexa porque somos de centro e só se teñen que dar os mimbres. O que buscamos é o beneficio para os veciños e a estabilidade política.

Gonzalo Pita: “SAL ten moita máis forza sendo independente. Non lle debo nada a ninguén nin ninguén me debe nada a min”

Te puede interesar