O Grove pechará ao tráfico Luis Seoane e rúas de Peralto a partir de setembro

O Grove pechará ao tráfico Luis Seoane e rúas de Peralto a partir de setembro
Diario de Arousa-2019-07-25-014-259df37a

O Concello do Grove sigue adiante cos seus plans de peonalización do centro e traballa para mellorar a imaxe daquelas rúas sometidas a unha reordenación de tráfico como en Castelao. De feito, acaba de colocar especies vexetais e quere estendelo a outras vías e contar coa colaboración veciñal para a instalación de flores nos balcóns particulares, aportando, incluso, unha axuda para a súa adquisición. Así, entre os seus próximos obxectivos están outras como Luis Seoane, Jaime Solá e Concepción Arenal, entre outras de Peralto, que a partir de setembro quedarán pechadas ao tráfico, permitindo só o paso de coches a residentes e para carga e descarga. 

O alcalde, José Antonio Cacabelos, explicou onte que a decisión tomouse na Xunta de Goberno local do pasado martes e que a medida aplicarase a partir do primeiro fin de semana de setembro. Como el mesmo recordou, trátase de rúas que nalgún caso xa están semipeonalizadas, pero “non se está cumprindo”, así que o peche ao tráfico será definitivo. 

Segundo os plans do goberno socialista, afectará a “todo o rectángulo que vai dende Castelao ata Beiramar, por diante da Confraría, e dende a subida da Praza de Arriba ata Luis Casais. Todas esas rúas serán peoniles e así se creará esa gran área comercial aberta que hostaleiros e comerciantes levan demandando dende hai 30 anos”, detallou o rexedor. De feito, o vial que pasa por diante do Pósito canalizaría o tráfico procedente desta zona. 

Só poderán acceder os residentes, propietarios de garaxes e habilitaranse unhas horas para carga e descarga. Ademais, “pouco a pouco irase mellorando a súa estética”, engadiu Cacabelos, seguindo o modelo que están a aplicar en Castelao, cuxa humanización executouse o pasado ano. Nesta rúa plantáronse varias especies arbóreas e se instalaron xardineiras e o Concello conta coa colaboración dos empresarios da zona para o seu mantemento e coidado. 

Unha postura que o goberno local agradece e que considera “importantísima” para “facer un concello máis acolledor, agradable e tamén para corresponsabilizarnos no coidado dos espazos públicos”, engadiu o alcalde. 

O obxectivo é estender este modelo ao resto de vías que se peonalizarán e incluso ir máis aló. Cacabelos chega a propoñer que os veciños instalen flores nos seus balcóns e o Concello “podería colaborar na súa compra” porque o seu Executivo busca crear “rúas máis acolledoras, accesibles e sociais, que sexan sobre todo para as persoas, para sentirnos cómodos e facer vida social”, engadiu o rexedor. 

Así, os proxectos xa executados contemplaron o cambio de pavimentos e a retirada de barreiras arquitectónicas, entre outras cuestións, para humanizar estas rúas.

O Grove pechará ao tráfico Luis Seoane e rúas de Peralto a partir de setembro

Te puede interesar